Saltar ao contido

O proxecto quedou listo no anterior mandato, e dotouse de fondos a pesar do bloqueo do PP e o PSOE aos Orzamentos 2019

As concelleiras da Marea Atlántica participaron no terceiro dos encontros  Rede de Barrio, unha conversa aberta coa cidadanía celebrada nesta ocasión no centro cívico de Santa Margarida. O principal tema da conversa foi o inminente derrubo do viaduto da Rolda de Nelle, demandado pola veciñanza da zona desde hai décadas, e que será posible grazas ao traballo que deixou preparado o goberno de Xulio Ferreiro. “A obra foi deseñada no anterior mandato, e forma parte dos nosos acordos co PSOE nesta nova etapa: loitamos para garantila”, afirmou a nosa voceira, María García.

Como explicou o concelleiro Xiao Varela, “a desaparición do viaduto, reclamada desde hai 40 anos, servirá tamén para mellorar a calidade urbana e mudar o modelo de mobilidade en pleno centro da Coruña”. Pacificará o tráfico e revitalizará a zona, beneficiando tanto á veciñanza que ata o de agora vivía a sombra desta infraestrutura como ao comercio.

O viaduto desmontarase en catro fases, tal e como foi planeado polo equipo de Rexeneración Urbana do anterior goberno. Os traballos servirán tamén para ampliar as beirarrúas, crear un tramo de carril bici e instalar unha nova estación de Bicicoruña para darlle servizo.

Un deseño rescatado do bloqueo

O proxecto foi presentado en marzo, no pasado mandato, e comezará a facerse realidade no mes de xaneiro, logo da adxudicación da obra. Estivo en risco cando o PSOE e o PP sumaron os seus votos para bloquear os Orzamentos 2019, pero foi posible dotalo de fondos grazas a un modificativo de crédito. Os mesmos fondos que agora empregará o goberno socialista.

O viaduto da Rolda de Nelle foi xa unha obra moi agresiva no seu día, que puxo a circulación dos coches por diante de todo o demais e enterrou varias vivendas entre ruído e fume. Pero hoxe nin sequera a circulación xustifica a súa existencia. Desde a apertura da Terceira Rolda, o tráfico pola rolda de Nelle baixou un 40%.

Políticas de vivenda

A preocupación polas políticas de vivenda foi tamén unha constante nesta Rede de Barrio, ante a falta de pisos no mercado do alugueiro e a burbulla de prezos que se está a experimentar na cidade. Neste sentido, Xiao Varela lembrou que outro dos puntos do noso pacto á coruñesa co PSOE é “a creación dun banco municipal de alugueiro, a través de EMVSA, con prezos regulados e no que o Concello actúe como aval ante os propietarios. É un xeito de aumentar a oferta de vivenda sen necesidade de acudir ao mercado da compra”.

Do mesmo xeito, lembrou que o goberno de Inés Rey recibiu en herdanza tres proxectos para construír vivenda social na cidade, nas rúas Marques de Pontejos e Panadeiras, e no parque Ofimático, “esta última como parte do acordo que nos permitiu resolver a desfeita urbanística do edificio Conde de Fenosa, que puido levar ao Concello á bancarrota”, indicou Varela.

Concesións municipais

A veciñanza preguntou polo estado da concesión do Pazo da Ópera, un edificio que acumula un visible deterioro. Claudia Delso lembrou que o goberno anterior tivo que presionar á empresa que o xestiona para facer un mantemento tan básico como renovar as butacas.

Tamén Alberto Lema sinalou a importancia de supervisar e controlar as concesións municipais, que no pasado de empregaron con fins moi afastados co ben común: “É o caso do Hotel Atlántico, que estaba en mans dunha empresa opaca que só lle pagaba por el ao Concello 2.500 euros ao ano, mentres que agora, despois que que o goberno a renovara, o prezo é de 1,2 millóns anuais, que se invisten en políticas públicas. so é defender o interese xeral”. Na mesma liña, Silvia Cameán lembrou que Clece, empresa propiedade de Florentino Pérez, foi sancionada por non cumprir cos dereitos laborais e coa atención ás usuarias do Servizo de Axuda no Fogar.

Galería de fotos

A veciñanza celebra na Rede de Barrio a inminente desaparición do viaduto da rolda de Nelle