O executivo local pechou hai un ano o Centro Abeiro e desmantelou o servizo do pavillón de Riazor, polo que moitas persoas tiveron que volver durmir na rúa nunha situación de máxima vulnerabilidade
A Marea Atlántica denuncia que o goberno municipal non está a ofrecer ningunha alternativa para as persoas sen fogar mentres avanza a segunda vaga da pandemia e se endurecen as medidas de restricións. É urxente actuar antes da chegada do inverno, ou a situación pode volverse dramática. Desde a Marea Atlántica reclamamos unha actuación inmediata para ofrecer un teito baixo o que durmir e un espazo no que satisfacer as necesidades básicas de alimentación e hixiene.
A concelleira Silvia Cameán lembra que “hai un ano que o goberno do PSOE pechou o Centro Abeiro, sen dar ningunha alternativa. E no verán desmantelou o pavillón de Riazor, deixando a moitas persoas de novo na rúa e en situación de vulnerabilidade en plena pandemia”.
A xente sen fogar vese especialmente afectada polas restricións derivadas do confinamento. Por iso vimos de rexistrar unha batería de preguntas dirixidas á área de Benestar Social, para coñecer os plans do goberno municipal fronte a esta complexa problemática.
Datos preocupantes, cero alternativas
En 2019, segundo a memoria do programa municipal de Inclusión Social, as traballadoras sociais detectaron 435 persoas en situación de rúa na Coruña, 369 homes e 66 mulleres, en distintos graos de senfogarismo. Nos nove meses dese ano que estivo aberto o Centro Abeiro ata que Inés Rey o pechou, atendeu a 212 persoas.
“Hoxe os recursos son insuficientes. As entidades sociais como Padre Rubinos, ACCEM e Casco están saturadas polo aumento de demanda existente e a redución de recursos municipais. É por iso polo que dende a Marea Atlántica consideramos imprescindible que se articulen novas alternativas de maneira urxente”, sinala Silvia Cameán.
Ademais dende a Marea Atlántica propoñemos que se aumente o número de prazas dispoñibles para persoas sen fogar a través do programa Housing First –unha iniciativa pioneira iniciada durante o mandato de Xulio Ferreiro– para dotar a este colectivo tan vulnerable dunha vivenda normalizada nun momento extremadamente difícil como é o actual.