O 17 de novembro é o último día no que o Concello pode recorrer a sentenza do TSXG contraria á rebaixa de tarifas do bus e ao interese xeral da Coruña
A Compañía de Tranvías ten un beneficio excesivo: antes da pandemia repartiu máis de dous millóns ao ano entre os seus accionistas, pero leva desde 2014 sen renovar a frota
A Marea Atlántica insta ao goberno de Inés Rey a recorrer a sentenza contraria á baixada das tarifas do bus antes de que remate o prazo legal para facelo, o vindeiro mércores 17 de novembro. A alcaldesa prometeu estudar este recurso, pero o tempo estase a esgotar e resulta necesario defender o interese xeral da Coruña fronte a un fallo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que antepón o interese da Compañía de Tranvías ao da veciñanza, como xa temos denunciado.
Foi Xulio Ferreiro quen levou a cabo na Coruña a primeira rebaixa do billete do bus en 40 anos, fixo de balde as viaxes para menores de 13 e quen facilitou os transbordos gratuítos durante 45 minutos. Foi un proceso coidadoso que comezou no 2017 e rematou en febreiro de 2019. Estivo respaldado por informes da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia, a Universidade da Coruña e a asesoría xurídica municipal, e todos sinalaban o mesmo: que o beneficio da Compañía de Tranvías era excesivo para un servizo público, tendo en conta os límites que a normativa europea fixa desde 2007.
En primeira instancia o Xulgado do Contencioso Administrativo estivo dacordo con esta interpretación e sinalou que os límites da lexislación da UE poden aplicarse de xeito retroactivo, como amosa a xurisprudencia. Pero o fallo do TSXG escolleu ignorar estes antecedentes e blindar o enriquecemento da Compañía de Tranvías antes que o interese público.
As cifras do “beneficio excesivo”
Se poñemos as cifras sobre a mesa, o beneficio excesivo de Tranvías queda fóra de toda dúbida. En 2019, tras a rebaixa do billete do bus, a empresa tivo uns beneficios de 3,32 millóns de euros. Ese ano, grazas ás novas tarifas, o uso do autobús bateu unha marca histórica: 23 millóns de viaxes, un millón máis ca o ano anterior (+5%). En 2018, os beneficios foron de 3,78 millóns, 30 veces máis do que gañou ese ano a empresa de transporte público de Vigo, Vitrasa.
Nestes dous exercicios repartiu 2,6 millóns de euros en forma de dividendos para os seus accionistas investindo, no mesmo período, cero euros en mellorar o servizo. O presidente da compañía recoñeceu publicamente que non renova a frota de autobuses desde 2014. En resumo: a concesión do transporte público da Coruña, deseñada por Francisco Vázquez en 1986, é excesivamente beneficiosa para a empresa, e permítelle lucrarse explotando un servizo público.
Acaban de coñecerse as contas de Tranvías de 2020, o ano da pandemia. Por primeira en case 40 anos, a compañía tivo perdas, uns 2,7 millóns de euros. Porén, quedarán sobradamente compensados cos 5,4 millóns que recibirá en axudas do Estado por mor da situación sanitaria.
En todas estas décadas de negocio co bus urbano, só houbo un goberno que baixou o billete, o da Marea Atlántica. Todos os anteriores subírono. Mesmo entre 2007 e 2013, cunha crise económica sen precedentes, o bipartito de PSOE-BNG e o goberno do PP elevaron o prezo do bus un 34%.
A escolla entre servizo público e beneficio privado está clara. Pedímoslle a Inés Rey que tome a decisión correcta, recorra a sentenza do TSXG e estude os novos descontos na tarifa do bus pactados coa Marea Atlántica. É o xusto.