Saltar ao contido

Pedímoslle a Inés Rey que tome partido, que convide a Pedro Sánchez a rectificar e recorrer a sentenza, como o está a demandar tamén o goberno municipal de Sada 

A Marea Atlántica critica que o Estado renuncie a recorrer a sentenza do Pazo de Meirás e acepte indemnizar á familia Franco pola súa “boa fe” no roubo do edificio. A sentenza da Audiencia Provincial da Coruña, que lle recoñece ao Estado a titularidade do Pazo, obriga tamén a pagarlle aos familiares do ditador unha compensación por apropiarse do pazo de xeito ilegal desde 1975.  Ante esta situación, “reclamámoslle ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, que rectifique e dea a batalla ante o Tribunal Supremo”, en palabras do noso vicevoceiro, Iago Martínez. 

Desde A Coruña, tamén lle pedimos a Inés Rey que se implique e inste ao seu compañeiro de partido, Pedro Sánchez, a reaccionar. A alcaldesa anunciou por todo o alto que o seu goberno se personaba como acusación na causa de Meirás, é o momento de manter a coherencia e impedir que a familia do ditador siga a beneficiarse do roubado. 

Un pésimo precedente para  a Casa Cornide

Iago Martínez advirte de que “asumir que a familia Franco actuou de boa fe no saqueo sistemático do patrimonio público non só é inxusto, senón un penoso precedente que pode dificultar a demanda xudicial civil para recuperar a Casa Cornide na Coruña”. O informe do Instituto Cornide e o historiador Emilio Grandío, xunto aos documentos que proban que houbo fraude de lei na súa venda, son unha base sólida para recuperar o inmoble roubado polo ditador na Cidade Vella, pero asumir esta sentenza pode complicar o camiño. 

Denunciamos que o Estado baixe os brazos e acepte pagarlle á familia Franco pola súa “boa fe” no roubo de Meirás