Saltar ao contido

O incremento salarial de case un 10%, ademáis de ser escandaloso, é ilegal porque supera o máximo do 2% marcado polos Orzamentos Xerais do Estado e non se debe a ningún cambio nas funcións do posto de xerencia

A suba salarial modifica a posteriori as bases de contratación ás que concorreu o actual xerente do Consorcio, Moisés Naranjo 


A Marea Atlántica vén de rexistrar un recurso ante a Xunta de Goberno do Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña contra o acordo do pasado 22 de xullo no que se aprobou o incremento salarial de Moisés Naranjo, xerente do organismo. A resolución dá luz verde a unha suba nas retribucións de 63.750,56 a 69.900,29,  preto dun 10% máis, que recibiu unicamente os votos a favor do PSOE e requiriu o voto  de calidade do presidente do Consorcio, o edil Juan Ignacio Borrego.

“Como xa dixemos cando coñecemos a manobra na Xunta de Goberno do Consorcio, parécenos inmoral que nun momento no que as familias teñen que cargar nas súas costas a suba dos prezos e moitas chegan con serias dificultades a fin de mes, se lle suba o salario case un 10% a Moisés Naranjo sen que iso se deba a un cambio nas súas funcións. O novo xerente, ademais, non está a acadar os obxectivos que lle foron marcados”, sinala o edil da Marea Atlántica Alberto Lema, vogal da Xunta de Goberno do Consorcio de Turismo. “Mais a suba das retribucións non so é indefendible, senon que é tamen ilegal, porque modifica a posteriori as bases da convocatoria á que concorreu e que, de coñecerse, con toda probabilidade tería suscitado interese de máis persoas para candidatarse” continua o concelleiro. “Tamén incumpre a lei cando o aumento que se aprobou supera con moito o 2% establecido nos Orzamentos Xerais do Estado para este ano”, conclúe.

 

Así argumenta o recurso de reposición rexistrado: o aumento de salario non se xustifica e queda á marxe do marco normativo, tanto pola subversión das propias bases do proceso de selección de Moisés Naranjo, como pola infracción do sinalado nos Orzamentos Xerais do Estado para o ano 2022, sen demostrar a modificación do contido do posto de traballo nin acreditar a pretendida equiparación funcional da Xerencia do Consorcio ás Direccións de Área do Concello da Coruña.

 

Presentamos un recurso de reposición contra a desproporcionada suba salarial do xerente do Consorcio de Turismo