Alberto Lema: “Hai un ano que se perdeu o enlace con Heathrow, con graves consecuencias para o tecido económico da cidade, e o único que ofreceu Inés Rey son escusas”
A Marea Atlántica considera moi grave que a aeroliña Vueling veña de anunciar que abre un enlace con Londres desde o aeroporto de Lavacolla, un ano despois de eliminar esta conexión en Alvedro. Como sinala o concelleiro Alberto Lema, membro do Consordio de Turismo, “que desaparecera a conexión con Heathrow foi unha perda importantísima para A Coruña, non so no eido turístico, senón en todo o tecido industrial e empresarial, por ser un centro de intercambio que nos conectaba con boa parte do mundo”.
Desde aquela, “o único que ofreceu o goberno municipal, con Inés Rey á fronte, foron escusas. Pero vai sendo hora de deixar as escusas e comezar a ofrecer solucións”, sinala Lema. E engade que “colleron un aeroporto de Alvedro que batía marcas de viaxes en 2019 e, nun tempo récord, convertérono nun aeroporto doméstico, sen conexións internacionais”. Mentres tanto, o aeródromo de Santiago de Compostela leva a conexión con Londres-Gatwick coa mesma empresa que antes operaba na Coruña, un voo que se mantivera ininterrompidamente desde 2006.
A pandemia ten un impacto obvio, pero en Alvedro está a ser maior que en calquera outro aeroporto da contorna, e iso débese á parálise do goberno municipal. En dous anos, foron incapaces de chegar a un acordo con Vueling, que agora está a apostar forte por Lavacolla. Tamén instalou alí dous novos voos a Bilbao que compiten en horario cos de Volotea desde A Coruña, nunha manobra competitiva que fai lembrar, unha vez máis, a necesidade dunha mellor coordinación entre os aeroportos galegos.
Unha vez máis, instamos a Inés Rey e ao concelleiro Juan Ignacio Borrego a explicar que xestións se fixeron ou se están a facer desde o seu goberno para frear a cadea de malas noticias no aeroporto de Alvedro, unha infraestrutura de vital importancia para o desenvolvemento económico da Coruña e a súa área metropolitana.