Saltar ao contido

Silvia Cameán: “É inadmisible recortar hoxe en coidados. Instamos ao Concello e á Xunta a buscar solucións que non pasen polo abandono das persoas dependentes”

Denunciamos tamén que a Xunta de Galicia chega a demorar ata dous anos o recoñecemento do grao de dependencia. Este ano faleceron máis de 600 persoas en lista de agarda polas axudas

Tras coñecer pola prensa que na Coruña se están a reducir as horas do Servizo de Axuda a Domicilio nun momento no que os coidados e o apoio ás familias é fundamental, o grupo municipal da Marea Atlántica rexistrou unha batería de preguntas no Concello para coñecer o alcance e os motivos deste recorte intolerable. Eliminar os coidados das institucións públicas supón botarlle enriba aos fogares un traballo que case sempre recae nas mulleres, aumentando a desigualdade e a fenda de xénero.

A concelleira Silvia Cameán, presidenta da Comisión de Benestar Social, sinalou que “é incomprensible que estean a reducirse recursos en plena pandemia e instamos ao goberno municipal e á Xunta de Galicia a buscar solucións que non pasen polo abandono das persoas dependentes”. Os recortes agrávanse, ademais, pola actitude carente de empatía no trato coas persoas usuarias, tamén recollida na prensa”.

Acordo incumprido para un novo contrato no SAD

Cómpre lembrar que o acordo ao que chegaron a Marea Atlántica e o PSOE para aprobar os Orzamentos 2020 incluía 600.000 euros para un novo contrato de Axuda a Domicilio, que permitirá reforzar o servizo e chegar a 160 persoas máis. Sumouse, ademais, un contrato dun novo servizo de lavandería a domicilio para persoas maiores de 80 anos, que cubriría uns 200 fogares. “Estamos a 17 de novembro e o goberno municipal aínda nin iniciou a licitación, amosando o seu desinterese en dar cumprimento a estes pactos”, denuncia Silvia Cameán.

O goberno local podería ir máis aló, incluso, e eliminar o copago do Servizo de Axuda a Domicilio, introducido polos gobernos do PP. O goberno da Marea Atlántica deixou listo o expediente que o faría posible, pero o PSOE prefire subirse os soldos e aumentar o gasto en propaganda.

Interminable lista de agarda en Galicia

Do mesmo xeito, denunciamos os enormes atrasos da Xunta no recoñecemento do grao de dependencia, que chega a demorarse ata dous anos. Ademais, segundo a Asociación de Directoras e Directores de Servizos Sociais, entre xaneiro e outubro de 2020 faleceron en Galicia 612 persoas que tiñan dereito a axudas á dependencia, pero nunca saíron da lista de agarda.

Trátase de recortes inhumanos, que fan imposible exercer os dereitos recoñecidos, e que caen con especial dureza nos fogares con menos recursos. Son moitas as persoas, case sempre mulleres, que teñen que escoller entre o seu posto de traballo e o coidado dos seus familiares. Recortar xusto agora, en plena pandemia, é unha falta de sensibilidade e compromiso social difícil de definir.

 

Por que se recortan horas no Servizo de Axuda a Domicilio?