O servizo de conciliación ofrecerase este verán en só 7 centros escolares, fronte aos 10 do ano pasado, cunha redución do 30% nas prazas dispoñibles
Segundo denuncian diversas ANPAs, o cambio non se anunciou con tempo suficiente para que as familias puideran procurar alternativas
A Marea Atlántica preguntará no vindeiro Pleno polos motivos que levaron ao goberno local a reducir, case por sorpresa, o número de prazas dispoñibles este verán no programa Campacoles, pensado para facilitar a conciliación familiar e laboral durante o período non lectivo. Se o ano pasado eran 10 os centros que se sumaban a esta iniciativa, ofrecendo un total de 2.250 prazas, este ano son só 7, para un máximo de 1.575 prazas, un 30% menos.
Isto significa que moitas familias quedarán sen poder acceder a un servizo público de conciliación con prezos bonificados. Ademais, tal e como están a denunciar diversas ANPAs, o recorte anunciouse nestes días, a poucas semanas para rematar o curso, e sen tempo para organizar unha alternativa.
Así, a única opción que lles queda ás familias é procurar un servizo privado semellante ou facer equilibrios para conciliar o coidado das crianzas coa vida laboral. O alumnado beneficiario de bolsas comedor ou outras prestacións sociais é especialmente vulnerable a esta situación, polo que instamos á Concellería de Educación a ofrecer solucións.
O Concello da Coruña debe implicarse en facilitar a conciliación e garantir a protección da infancia, non en complicarlle a vida á familias da Coruña.