Saltar ao contido

Lamentamos que na Comisión de Transparencia, convocada hoxe polo noso grupo, o goberno local non ofrecese información sobre os servizos sen contrato

A Marea Atlántica denuncia que, segundo a información ofrecida hoxe polo propio goberno local, en 2021 batéronse marcas en canto ao pago de facturas con reparos de legalidade por parte do interventor. En total, durante o ano 2021 abonáronse 1.751 facturas deste tipo por un valor total de 45,4 millóns de euros. 

Trátase de pagos cuxa tramitación foi irregular ou sen a necesaria documentación, e que nalgúns casos, por seren os reparos suspensivos, requiren da sinatura da alcaldesa para autorizar o seu abono. Con magnitudes moito menores, PSOE e PP criticaron con dureza ao goberno da Marea Atlántica no pasado mandato. 

Coñecemos estes datos tras a celebración hoxe da Comisión de Transparencia, convocada pola Marea Atlántica. E temos que lamentar que o goberno local non entregase á documentación con tempo suficiente para tratala. Tampouco presentou hoxe información sobre os servizos que o Concello da Coruña está a prestar sen contrato, coma o de Nostián, que agarda que se renove a concesión desde hai xa case tres anos. 

Sen avances en Transparencia

Na sesión da Comisión tamén puidemos constatar a total falta de avances en políticas de Transparencia no último ano, a pesar dos compromisos do goberno local. O retroceso desde o pasado mandato faise evidente por, exemplo, na web de información económica Onde van os meus impostos, que leva todo o mandato conxelada. 

Nas próximas semanas volveremos convocar a Comisión de Transparencia, para avaliar a documentación recibida hoxe e para incorporar os informes sobre os servizos que se prestan sen contrato. 

O goberno local bateu marcas en 2021, con 1.751 facturas irregulares con reparo do interventor