Desde o cambio de goberno, o importe medio destas facturas opacas para cidadanía non parou de medrar: no cuarto trimestre de 2020 foi de 4.300 euros, case dúas veces e media máis que ao final do mandato de Xulio Ferreiro
Iago Martínez: “Convocaremos a Comisión de Transparencia para esixir que o goberno presente os informes de contratación aos que se comprometeu en outubro de 2019”
O grupo municipal da Marea Atlántica denuncia que Inés Rey bateu marcas de contratos menores en 2020. Este tipo de contratos, outorgados a dedo e sen concurso público, sumaron 4,4 millóns no último trimestre do ano e 10,4 millóns no conxunto do exercicio, un 69,5% máis ca no anterior. Nunca se acadaran semellantes cifras desde que temos datos homoxéneos, desde a entrada en vigor da nova Lei de Contratos do Sector Público na primavera de 2018, que modificou o límite deste tipo de facturas e fixo obrigada a súa publicación trimestral.
“Trimestre tras trimestre, desde a chegada de Inés Rey, non paran de medrar os contratos opacos para a cidadanía, tanto en gasto total como en importe medio”, denuncia Iago Martínez, vicevoceiro da Marea Atlántica, quen sinalou que desde que Inés Rey entrou en María Pita, asináronse 4.155 contratos menores por valor de 13,6 millóns de euros. Ante estas cifras, Martínez anunciou que convocará a Comisión de Transparencia, que el mesmo preside, para a vindeira semana.
O 1% das empresas recibe o 20% dos cartos
O importe medio deste tipo de facturas non para de medrar desde que goberna o PSOE. No segundo trimestre de 2019, o último do mandato de Xulio Ferreiro, a media era de 1.863,17 euros. No cuarto trimestre de 2020 chegou ata os 4.344,68 euros, moito máis do dobre.
O gasto está, ademais, moito máis concentrado en poucas mans. Os contratos menores asinados desde xullo de 2019 teñen un total de 1.589 beneficiarios, pero vinte empresas (o 1,2% do total) concentran o 18,4% do gasto, 2,5 millóns de euros. Nalgún caso, son beneficiarias de até 80 adxudicacións en ano e medio.
Informes pendentes na Comisión de Transparencia
Iago Martínez sinalou que na próxima Comisión de Transparencia non só esixirá explicacións sobre este abuso dos contratos a dedo, tamén reclamará que o goberno presente os informes de contratación que leva catro trimestres ocultando.
O concelleiro lembrou que en outubro de 2019, a Comisión de Transparencia chegou a un acordo unánime para que o executivo municipal presentase un informe de contratación pública cada trimestre, a partir de xaneiro de 2020. “Case ano e medio despois, non vimos aínda nin unha soa páxina destes informes. A tendencia do goberno de Inés Rey a incumprir o que promete é case unha caricatura”.