A veciñanza deste núcleo tradicional da Coruña reclama melloras en mobilidade, recuperación dos camiños tradicionais e peonalización das rúas Campos e Agra
Os proxectos da senda do río Feáns e o Bosque de Breogán están listos para executarse, pero hai dous anos que Inés Rey os ten gardados nun caixón
A Marea Atlántica levará ao vindeiro Pleno, este xoves 3 de xuño, unha moción para reclamar melloras e obras pendentes no núcleo tradicional de Feáns. O barrio, unha das poboacións históricas da cidade, acumula necesidades e proxectos pendentes que o goberno local non parece ter interese en levar a cabo. Por iso, procuraremos o apoio da Corporación nesta iniciativa que recolle as demandas das asociacións veciñais de Feáns e a Urbanización Breogán.
Moitas das reclamacións do barrio pasan pola mobilidade, xa que os seus viais soportan hoxe un tráfico moi superior ao previsto cando se deseñaron. É necesario pacificar a circulación no núcleo, limitar o tránsito pesado na estrada de Arteixo e controlar o cumprimento dos límites de velocidade, cousa que pode facerse se o Concello se coordina con outras administracións.
Desde a AVV trasládasenos tamén a necesidade de mellorar o alumeado público no barrio, e a proposta de peonalizar as rúas Campos e Agra no barrio, que conta con todo o noso apoio. Non pode ser que todas as medidas para favorecer a mobilidade a pé se concentren no centro da Coruña.
Tamén é precisa unha reforma completa da rúa Laxe, o paso natural do alumnado que asiste ao colexio público Manuel Murguía. Tanto a veciñanza como a comunidade escolar demandan esta mellora, así como un patio cuberto para o centro de ensino.
Camiños tradicionais e biodiversidade
O val de Feáns, polo que atravesa o río Mesoiro, é unha das zonas con maior riqueza natural e paisaxística da Coruña, como amosou o Mapa da Biodiversidade que realizamos no pasado mandato. Por iso o goberno de Xulio Ferreiro deseñou dous proxectos para a súa posta en valor, consensuados xa coa veciñanza: a senda fluvial e o Bosque de Breogán. Dous proxectos xa preparados e con orzamento, pero que levan dous anos gardados nun caixón.
Tamén é necesario recuperar os seus camiños tradicionais, coma o da Rofana e o de Agüeira, e darlle o axeitado mantemento ao camiño de Campos, por ser unha ruta de acceso ao Castro de Elviña. Conservar estes roteiros é unha demanda histórica en Feáns.
As necesidades da Urbanización Breogán
Polo que respecta á Urbanización Breogán, a asociación veciñal demanda melloras no alumeado público, ampliación de beirarrúas e mantemento da recollida de pluviais. O cemiterio de Feáns tamén é obxecto de demandas importantes: carece de acceso peonil e o seu aparcadoiro está desbordado pola afluencia de coches.
Existen, igualmente, varias parcelas municipais sen uso que, cun mantemento e a instalación de mobiliario urbano poderían utilizarse como zonas de lecer. E existen varios edificios en estado ruinoso que son fonte de preocupación para a cidadanía, sobre todo os que se atopan ao carón do parque infantil.
Trátase, en definitiva, de actuacións concretas e que non precisan de grandes investimentos, pero que mellorarían a calidade de vida neste barrio. Desde o Pleno tentaremos lembrarlle á alcaldesa, unha vez máis, que A Coruña non remata en Méndez Núñez.
Preguntas orais
Doutra banda, empregaremos a quenda de preguntas orais do Pleno, este xoves, para pedirlle a Inés Rey unha valoración do segundo aniversario do seu mandato, unha data marcada polo xiro á dereita, a recuperación da cultura do pelotazo urbanístico, e o abandono dos acordos progresistas que permitiron a súa investidura. En resumo, unha decepción.
Preguntaremos, ademais, polos motivos que poden levar ao goberno a asinar un acordo para impulsar os pisos turísticos na Coruña, sen ter en conta o seu tremendo impacto no prezo dos alugueiros e a vida dos barrios. Mentres outras cidades están intentando regular este modelo que secuestra un ben de primeira necesidade como é a vivenda, o goberno do PSOE ponlle facilidades.
E solicitaremos explicación pola privatización dos polideportivos do Castrillón e San Diego, en contra do que reclama a veciñanza, do sentido común e dos propios informes municipais. As instalacións do Castrillón, por certo, seguen pechadas á espera de que o goberno lle transfira a EMVSA os fondos necesarios para dotalas de persoal e equipamentos. Foron aprobados en decembro, pero a operación de crédito aínda non se levou a cabo.