Saltar ao contido

Os comentarios están pechados.

Instamos ao goberno local a chegar a un acordo coa Xunta de Galicia para ofrecer as mesmas horas de ensino de balde nas redes municipal e autonómica de ensino infantil

Grazas á iniciativa da Marea Atlántica, A Coruña foi pioneira en facer gratuíto o primeiro nivel do ensino, dignificándoo como parte da educación pública


A Marea Atlántica defenderá no Pleno do mes de xullo unha moción na que reclamamos que as Escolas Infantís Municipais amplíen as súas horas de servizo gratuíto dende as seis actuais ata oito, para igualarse ao que comezaron a ofrecer este ano os centros financiados pola Xunta de Galicia, tanto públicos coma privados. 

Instamos, polo tanto, ao goberno local a negociar co executivo autonómico para igualar a oferta de ensino infantil e explorar todas as vías posibles para acadar este obxectivo. A concelleira Silvia Cameán lembrou que “A Coruña foi pioneira, grazas a unha iniciativa da Marea Atlántica, en facer de balde este primeiro nivel de ensino, como corresponde a unha verdadeira educación pública”.  

É así desde o curso 2020-2021, un avance ao que a Xunta se sumou só agora, por iso “pedímoslle a Inés Rey que siga avanzando neste camiño, evitando agravios comparativos, e que o resolva antes da pausa polo verán, para que poida estar listo no vindeiro curso”. 

O pasado mércores, na Xunta de Goberno Local, aprobouse saldar a débeda que o Concello mantiña co Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, eliminando un dos obstáculos para o entendemento co goberno autonómico, polo que pedimos que continúe o traballo para mellorar os servizos públicos na cidade. 

Como xa fixemos nun rogo oral do último Pleno, trasladando as solicitudes da ANPA da Escola Infantil Municipal A Caracola (Mesoiro), compartimos esta demanda “xusta e importante, pois as administracións públicas deberían coordinarse dun xeito efectivo para garantir a conciliación das familias”, explicou Cameán.

Renovación do contrato das EIM

Doutra banda, en data 9 de maio de 2022 foron publicados, na Plataforma de Contratación do Sector Público os pregos dos novos contratos para a xestión da rede de Escolas Infantís Municipais.

Na nosa moción, instamos ao goberno local a darlle máis peso ao proxecto educativo no prego de prescripcións administrativas co fin de garantir que se prime a calidade educativa por riba da oferta económica. Na actual licitación o proxecto educativo recibe até un máximo de 49 puntos e os criterios evaluables mediante fórmulas (prezo, ampliación de horas, inglés, etc.) puntúa até 51 puntos. 

Consideramos que o programa educativo, a atención ao alumnado debería contar máis que a parte evaluable  económicamente á hora de outorgar este contrato garantindo así a continuidade de proxectos diferenciados e valiosos entre as distintas EIM. 

 

Levamos a pleno a reclamación de ampliar ata oito horas o servizo gratuíto das escolas infantís municipais