O Concello da Coruña debe ter un papel de liderado para evitar que a Cidade das TIC sexa un eixo de emprego e innovación, non unha aposta inmobiliaria. Non queremos outro Ofimático
Reclamámoslle ao Ministerio de Defensa que non especule cos terreos da Fábrica de Armas, como fixo na Maestranza
A Marea Atlántica levará ao vindeiro Pleno municipal, o 5 de marzo, unha moción na que solicitará que o Concello e a Universidade creen unha mesa de traballo coas entidades veciñais dos barrios afectados e coas entidades empresariais interesadas, para transmitirlles de maneira efectiva e transparente todos os avances do proceso.
Como se argumenta no texto, a cesión de parte dos terreos da antiga Fábrica de Armas á Universidade da Coruña para poñer en marcha o proxecto da Cidade das TIC “supón, sen dúbida, unha oportunidade para o desenvolvemento económico e social da nosa cidade que debemos aproveitar coa maior das ambicións, e tamén, coa maior das garantías”. Ten que ser un polo de emprego e innovación, non unha tentación inmobiliaria.
Por iso, o Concello da Coruña debe manter manter a súa presenza e apoio a este proxecto, como fixo durante o mandato de Xulio Ferreiro, pero asegurando que se manteña a súa natureza orixinal, “para impedir posibles deturpacións do mesmo, como xa aconteceu moi preto da actual Fábrica de Armas, no que debía ser o gran proxecto de promoción empresarial 2.0 dos anos noventa, o Parque Ofimático, reconvertido durante o seu curso en soar aberto á especulación urbanística ao custe dos bens e da saúde da súa veciñanza orixinal”.
Porén, o goberno municipal limítase polo de agora a poñer a cara nas fotos, sen expresar una soa idea nin comunicarse coa veciñanza de Pedralonga, Eirís e Palavea. A Cidade das TIC terá un impacto indubidable nos barrios limítrofes, coa chegada de máis de 2.000 vehículos diarios, sen que exista polo de agora información oficial do Concello sobre os seus plans en materia de fluxos de transporte e mobilidade. A antiga Fábrica de Armas ten que ser tamén una oportunidade para dotar á zona de novos servizos e equipamentos, bibliotecas, centros sociais, novas instalacións deportivas… e debe facerse de xeito transparente.
O papel do Ministerio de Defensa
A moción tamén sinala que “tamén cómpre saber cal será o destino dos máis de 300 mil metros cadrados edificables do soar de Defensa que non lle van ser cedidos á Universidade para desenvolver a Cidade das TIC e que poden ser, no futuro, urbanizables. Preguntámonos, en definitiva, se, ao abeiro do xa acontecido na Maestranza, Defensa se limitará de novo á súa subasta pública ou se seremos os veciños e veciñas da Coruña os que decidamos sobre o futuro destas parcelas conforme ás nosas necesidades”.
Por iso, tamén instamos ao Ministerio de Defensa a constituír “unha mesa bilateral para tratar sobre o futuro do resto dos terreos da Fábrica de Armas que non lle foron cedidos á UDC”.