María García trasladoulle onte a todos os grupos políticos un documento no que tamén se aposta polo financiamento da conexión ferroviaria ao porto exterior, a revisión dos convenios especulativos de 2004 e a titularidade pública dos terreos
“A débeda duns 300 millóns contraída pola Autoridade Portuaria pesa coma unha lousa á hora de que A Coruña poida dispoñer dos terreos vacantes nos peiraos interiores”
A voceira da Marea Atlántica, María García, trasladoulle onte a todos os grupos municipais unha proposta de Declaración para ser debatida mañá na Comisión Especial do Bordo Litoral, organismo que ela preside, reclamándolle ao Estado a condonación da débeda da Autoridade Portuaria, a conexión ferroviaria co Porto Exterior e a presenza destes compromisos nos Orzamentos Xerais do Estado para 2021. A Comisión reunirase mañá, ás 11.00 h, no Pazo de María Pita.
No texto, xa remitido a todos os grupos, saliéntase que “os peiraos interiores da cidade, dende Calvo Sotelo e Batería até San Diego, suman arredor de 450.000 metros cadrados en pleno corazón da Coruña e poderían ir quedando libres de actividades portuarias cando estas se trasladen a Punta Langosteira. O seu futuro, o seu uso e a súa titularidade son obxecto de debate e preocupación no eido institucional, académico, nas asociacións veciñais e entre toda a cidadanía coruñesa”.
Rachar os plans de especular cos terreos
Esa preocupación, segundo indica o borrador, ten un motivo claro: os convenios asinados en 2004 pola Xunta de Galicia, o Ministerio de Fomento e o Concello, apostan pola venda dos terreos “para pagar así obras do porto exterior de Punta Langosteira. Unhas obras que o Estado considera de interese xeral pero que se nega a financiar cun só euro”.
“Esa débeda, duns 300 millóns contraída pola Autoridade Portuaria para financiar o Porto Exterior, á que se lle suma a inexplicable falta de conexión ferroviaria para Punta Langosteira, pesa coma unha lousa á hora de que A Coruña poda deseñar e dispoñer dos terreos vacantes no peiraos interiores para as necesidades que esixe o futuro”, di a nosa proposta.
O uso dos peiraos, público e consensuado coa veciñanza
A declaración que propoñemos insta á Autoridade Portuaria da Coruña, Puertos del Estado, o Ministerio de Fomento e a Xunta de Galicia, así como a ADIF, a “constituír xunto co Concello da Coruña un consorcio ou ente público como forma de participación e xestión dese novo horizonte litoral, no que o Concello da Coruña teña garantida a participación suficiente para a súa execución”.
Tamén insta a abordar a transformación dos peiraos desde o debate e a participación cidadá, con “entidades veciñais, axentes sociais e económicos, sectores produtivos, en especial os relacionados coas economías do mar e a innovación, partidos políticos, etc”. Sempre en base ao mantemento da titularidade pública dos terreos.
Eses 450.000 metros cadrados no bordo litoral abren unha oportunidade de futuro, que debe aproveitarse non para repetir os erros do pasado, senón para afrontar os retos propios da Coruña: “A protección da fachada histórica e o patrimonio público da cidade, o aumento de espazo libre público e equipamentos públicos en ámbitos singularmente infradotados e a mellora da mobilidade viaria, ciclista, ferroviaria e peonil, así como a potenciación de usos produtivos e terciarios relacionados coas economías do mar e orientados á integración porto-cidade”.