A concelleira Eva Martínez Acón asistiu como convidada de pedra á Comisión Informativa, sen unha soa proposta e sen trasladar ningún avance no proxecto de accesos.
Alberto Lema: “A Cidade das TIC ten que ser un polo de emprego e innovación, non unha tentación inmobiliaria”
A Marea Atlántica reclámalle ao goberno municipal que abandone a pasividade e se implique na posta en marcha da Cidade das TIC, sen desaproveitar a oportunidade que este proxecto supón para o desenvolvemento económico e social da Coruña. Alberto Lema, representante da Marea Atlántica na Comisión Informativa da Cidade das TIC, denuncia que na xuntanza deste organismo celebrada hoxe “o executivo local asistiu como oínte, sen trasladar ningunha proposta, cunha falta de iniciativa decepcionante”.
Así, a concelleira de Innovación, Industria e Emprego, Eva Martínez Acón, estivo na xuntanza simplemente para escoitar os informes do reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, sen dar conta seguera dos avances nos proxectos de accesos. A veciñanza de Palavea, Pedralonga e Eirís segue sen saber como se integrarán os seus barrios coa Cidade das TIC, que está previsto que atraia máis de 2.000 vehículos ao día.
Na Comisión tampouco se ofreceu dato algún sobre o xeito de gobernanza que terá a Cidade das TIC. Sexa esta consorcio, fundación ou outra fórmula análoga, urxe poñela en marcha canto antes.
Alberto Lema defendeu, ademais, que a Cidade das TIC “ten que ser un polo de emprego e innovación, non unha tentación inmobiliaria. Non podemos repetir erros como o do Parque Ofimático, reconvertido de parque empresarial a proxecto de especulación urbanística con desastrosos resultados que aínda sentimos hoxe. A antiga Fábrica de Armas ten que ser tamén una oportunidade para dotar á zona de novos servizos e equipamentos, bibliotecas, centros sociais, novas instalacións deportivas… e debe facerse de xeito transparente”.