Saltar ao contido
Planta de Nostián

O interventor municipal pregunta se o goberno de Inés Rey iniciou a reclamación dos pagos indebidos e en oito meses non obtén resposta, malia que desde 2020 hai una sentenza xudicial en firme 

María García: “O mandato que está a rematar foi un mandato perdido para Nostián, e para as políticas ambientais. Ademais, as consecuencias  económicas poden ser graves para o Concello”


A Marea Atlántica esíxelle ao goberno local que explique se lle reclamou a Albada a devolución dos nove millóns de euros que a empresa concesionaria da planta de Nostián cobrou ilegalmente por tratar os “rechazos” ou residuos non aproveitables. Nestes momentos, nin sequera está claro se o goberno de Inés Rey iniciou o proceso para recuperar estes máis de 9 millónsde euros de fondos públicos pagados indebidamente.

A nosa voceira, María García, sinala que “desde 2020 hai unha sentenza xudicial firme que recoñece que a empresa cobrou ilegalmente durante case sete anos por unha tarefa da que xa estaba obrigada a facerse cargo por contrato”. 

O Interventor Xeral, no informe sobre o recoñecemento extraxudicial de facturas que irá ao vindeiro Pleno do 13 de outubro, denuncia que despois de preguntar se se iniciou o proceso de reintegro dos pagos indebidos, leva oito meses sen resposta e advirte de que esta deixación de funcións por parte do goberno pode ter consecuencias legais por “menoscabo da Facenda local”. 

A voceira da Marea Atlántica engade que “o inédito desleixo en contestar ás preguntas da Intervención Xeral, dá unha dimensión dos preocupantes problemas de xestión que afectan á área de Medio Ambiente. Non só está a piques de rematar  un mandato perdido para Nostián e o tratamento de residuos, que leva máis de tres anos co contrato caducado. Tamén se evidencia que as consecuencias trascenden as políticas medioambientais e comezan a ter efectos moi lesivos para as arcas municipais”.

Inés Rey desbotou o proxecto para a planta de tratamento de residuos elaborado polo goberno da Marea Atlántica, pero en tres anos e medio non foi quen de ofrecer ningunha alternativa, mentres Nostián acumula deterioros nas instalacións e problemas laborais coa plantilla. Nestes tres anos tampouco se abordou o selado do vertedoiro, que é responsabilidade da empresa Albada por mandato xudicial. Todo isto pon en risco a colaboración metropolitana, mentres hai concellos da área pensando en levar o lixo a Sogama. 

Antecedentes que se remontan a 2011

En 2011, a poucas semanas de rematar o mandato  de Javier Losada na Coruña, a Xunta de Goberno Local aprobou, só cos votos do PSOE,  pagarlle ata 3,3 millóns de euros anuais a Albada pola xestión dos residuos non aproveitables, os chamados “rechazos”. Os tribunais declararon esta decisión “lesiva para os intereses municipais”, xa que esa tarefa xa está contemplada dentro do contrato de tratamento do lixo. Desde 2020, o fallo xudicial é firme e o interventor pregunta, sen obter resposta, se se iniciou o procedemento para recuperar os máis de 9 millóns de euros que o Concello lle pagou a Albada indebidamente.

Máis ben ao contrario, o expediente de recoñecemento extraxudicial que o goberno leva ao vindeiro pleno incorpora outra factura de 77.679, 51 € polo tratamento do lixo que, ainda que de menor importe, segundo o mesmo informe do Interventor tampouco debería ser aboada ao contar con saldo positivo en favor do Concello. 

O goberno local ten que aclarar se reclamou os nove millóns de euros que a concesionaria de Nostián cobrou ilegalmente do Concello