Saltar ao contido

A Marea Atlántica presentará no Pleno da Deputación da Coruña unha moción para reclamarlle ao goberno provincial que elimine o límite de idade nas Bolsas para o Perfeccionamento de Estudos Artísticos, introducido este ano de xeito arbitrario. Non se entende como a idade pode ser un criterio de exclusión na creación plástica, teatral, musical ou audiovisual

Alberto Lema: “É un cambio unilateral, que exclúe a moitas persoas de xeito inxusto e mesmo impide que algunhas rematen a formación iniciada o ano anterior”

A Marea Atlántica presentará no Pleno da Deputación da Coruña, este venres 26 de xuño, unha moción para reclamarlle ao goberno provincial que elimine o límite de idade nas Bolsas para o Perfeccionamento de Estudos Artísticos, introducido este ano de xeito arbitrario. Como sinala o noso voceiro provincial, Alberto Lema, “trátase dun cambio unilateral, que exclúe a moitas persoas de xeito inxusto e mesmo impide de xeito absurdo que algunhas poidan rematar a formación iniciada o ano anterior”. 

O pasado 27 de marzo,  o Servizo de Acción Social, Cultural e Deportes da Deputación da Coruña fixo público no BOP esta modificación das bases reguladoras das Bolsas para o Perfeccionamento de Estudos Artísticos, que introducen no seu punto sexto un límite de 35 anos para acceder ás mesmas. Trátase dun cambio realizado sen diálogo coas persoas afectadas, que debería reconsiderarse. 

“Non entendemos como a idade pode ser un criterio de exclusión nunhas bolsa que premian a creación artística nas súas variedades musical, teatral, plástica ou audiovisual”, engadiu Alberto Lema.

Por estes motivos, procuraremos o apoio do Pleno da Deputación para solicitar a suspensión da convocatoria e aprobación dunhas novas bases reguladoras “nas que non se estableza ningún criterio de exclusión en función da idade, tal e como acontecía en exercicios anteriores”. 

A Marea Atlántica reclámalle ao goberno provincial que elimine o límite de idade nas bolsas de creación artística