Saltar ao contido

Esiximos que se convoque canto antes a comisión con estes sectores acordada o pasado 10 de decembro para abordar, no primeiro mes de 2021, novas medidas de apoio


A Marea Atlántica denuncia que o goberno municipal pasou ao cobro cando menos 1.200 recibos da recollida do lixo a establecementos de hostalería e comercio, pese a prometerlles en xuño que estarían exentos de taxas por mor das restricións e o confinamento. E, a tres días de rematar o ano, recoñece a existencia de máis de 500 recibos cobrados cuxo importe aínda non foi devolto.

O importe destes recibos, que poderían ser moitos máis, posto que a documentación facilitada polo goberno é parcial e non inclúe os que foron pagados, é de case 400.000 euros, unha cifra moi relevante para os negocios afectados pero que o Concello ben pode asumir. “A baixísima execución orzamentaria fai que haxa uns 100 millóns de euros na caixa sen gastar, polo que unha bonificación nos impostos para apoiar aos sectores máis afectados pola crise é perfectamente asumible”, explica a nosa voceira, María García. 

A concelleira engade que “o PSOE adoita ir máis rápido coa propaganda que coa xestión, como evidencian estes datos e a situación que afecta ás máis de 3.800 axudas do Presco solicitadas e pendentes de abonarse”. En nota de prensa do 3 de xuño, o goberno municipal aseguraba que “as persoas físicas e xurídicas do sector servizos quedarían exentas tamén de aboaren a taxa de recollida do lixo no período comprendido entre o 15 de marzo e o 15 de xuño”. O 17 de novembro, o concelleiro de Facendda deu a orde de anular o cobro. Non se fixo. 

Novas exencións e mesa de diálogo cos sectores

Lembramos, ademais, que o pasado día 10 de decembro o goberno municipal asinou publicamente un acordo coa Marea Atlántica e o BNG no que se comprometeu a novas bonificacións nas taxas municipais da auga, o lixo e o saneamento para pemes, micropemes e autónomos na hostalería, o comercio e a cultura: 50% de bonificación mentres haxa restricións sanitarias e 100% cando sexa necesario pechar. Deben estar en vigor antes do 31 de xaneiro. 

O acordo tamén inclúe a convocatoria dunha Mesa de Diálogo na que avaliar o resultado das medidas de choque contra a pandemia e recoller propostas para amplialas. Neste foro deben ter asento os grupos políticos do Concello e unha representación plural da hostalería, o comercio e a cultura, como sectores máis afectados pola crise. “Instamos, unha vez máis, a que sexa convocada canto antes. Se os acordos quedan en fotos e propaganda, non resolven nada”, sentenza María García. 

 

Todo o noso apoio á plataforma Shostelería

Doutra banda, desde a Marea Atlántica saudamos a creación da plataforma Shostelería, formada por pemes e autónomos do sector, que procuran asociarse para responder ao impacto da crise. Mañá acudiremos á súa presentación pública para trasladarlles todo o noso apoio. 

O goberno municipal cursou máis de 1.200 recibos ao comercio e a hostalería tras anunciar que estarían exentos