Saltar ao contido

A proposta da Marea Atlántica, mañá, ás 11h, todos os partidos da Corporación reuniránse coa representación sindical da fábrica. Trasladarémoslles apoio unánime ante a ameaza dun peche que borraría 400 empregos

María García: “É unha boa nova que Inés Rey escoite e tome partido. É o momento de amosar que a xente da antiga Alcoa ten toda unha cidade detrás”


O grupo municipal da Marea Atlántica celebra que, por fin, a alcaldesa Inés Rey acepte recibir, con toda a Corporación, ao Comité de Empresa da fábrica de aluminios da Coruña ante a situación crítica das instalacións e o perigo moi real de perder 400 postos de traballo directos. Estamos ante un momento crítico, coa empresa intervida pola Xustiza e en preconcurso de acredores, a pesar de ter un proxecto viable. Tal e como solicitou a Marea Atlántica, mañá terá lugar en María Pita un encontro entre representantes sindicais de Alu Ibérica e todos os grupos municipais, para trasladarlles un apoio unánime ás súas reivindicacións. 

Para a nosa voceira Municipal, María García, “é unha boa nova que Inés Rey escoite e entenda a importancia de estar do lado do emprego, como fixo Xulio Ferreiro. É o momento de mandar unha mensaxe clara: a xente da antiga Alcoa ten a toda unha cidade detrás”. A fábrica, viable e con capacidade, atópase intervida pola Xustiza, en ERTE e baixo a ameaza dun concurso de acredores. 

Hai quince días que a Deputación da Coruña aprobou por unanimidade unha moción da Marea Atlántica en defensa do emprego en Alu Ibérica e dun futuro para a industria da comarca. Daquela pedimos que a alcaldesa dese un paso adiante e recibira ao comité de empresa, petición que mañá poderá cumprirse. 

A venda da antiga Alcoa foi unha estafa

Resulta difícil de entender que a fábrica da Agrela, con instalacións competitivas, con experiencia e capacidade de produción estea ao bordo do peche nun momento no que os prezos do aluminio están a recuperarse a nivel internacional. Debería estar a impulsar alternativas como a produción de aluminio verde e consolidar a industria na comarca da Coruña, en lugar de a piques de entrar en concurso de acredores. A explicación está clara: a venda da antiga Alcoa en 2017, primeiro a Parter e logo ao Grupo Riesgo, foi unha fraude pensada para descapitalizar a empresa. Foi unha operación avalada polo Estado, e agora os Ministerios de Industria e Transición Ecolóxica deberían implicarse para resolver o problema. Máis aínda tratándose dunha antiga empresa pública, privatizada por Aznar a prezo de saldo.  

A investigación xudicial, cos seus avances, servirá para que os responsables paguen polo seu delito, pero non garantirá a continuidade da fábrica e dos seus 400 postos de traballo directo. Se Alu Ibérica non pechou aínda foi pola mobilización sindical e a loita do cadro de persoal. 

Celebramos que a alcaldesa tome partido polo emprego e reciba comité de empresa de Alu Ibérica xunto a todos os grupos municipais