Reabrimos o noso local na praza dos Ovos, cunha xornada festiva na que comezamos a reunir a enerxía necesaria para gañar outra campaña electoral e manter A Coruña no bo rumbo.
Remataron as obras no local da Marea Atlántica, no número 1 da praza dos Ovos (Praza do Humor), que xa é 100% accesible, e aproveitamos para celebralo cun acto sinxelo, pero cheo de ledicia e enerxía mareante. Servíu para lembrar de onde vimos e todo o traballo que queda por diante para renovar o goberno e seguir facendo da Coruña unha cidade mellor para vivir.
Victoria Mejuto, integrante da Coordinadora, foi a encargada de dar a benvida ás ducias de persoas que se achegaron: “Pasaron catro anos e toca volver. Ou non. Non temos que volver, porque non nos marchamos. Seguinos na praza, porque o pazo non nos cambiou. A Marea transformou esta cidade, pero non mudou os seus principios”.
A continuación, tomou a palabra o alcalde e candidato, Xulio Ferreiro, que comezou por agradecer o traballo constante e incansable que desenvolveu a mareancia nestes catro anos, “sempre desde o entendemento e a fraternidade”. Como lembrou Xulio, “a Marea Atlántica é unha suma que multiplica. Nacemos así en 2014 e seguimos así en 2019, traballando xuntas, unidas e en común. É o que a cidadanía nos demanda, e tamén é a nosa maior fortaleza”.
Xulio Ferreiro: “Somos as que non obedecemos outro mandato que o da veciñanza”
Ferreiro sinalou que “neste mandato puxemos a cidade no bo rumbo, co maior investimento social por habitante, cunha loita pola igualdade, para non deixar a ninguén atrás, con ollada feminista, con impulso cultura, con sensibilidade ambiental, cun urbanismo sen especulación, sen maltrato animal, con máis carril bici e cun bus máis barato. E todo isto reducindo á debeda municipal á metade”.
“Tentan convencernos de que non pagou a pena, de que somos iguais que o resto. Só ofrecen desánimo e tristura, pero non é certo o que din. Somos as que non baixamos a cabeza. As que non obecemos outro mandato que o da veciñanza. Demostramos outra forma de gobernar, por iso sei que imos ter catro anos máis dun goberno municipalista forte na Coruña, facendo desta cidade un bastión do cambio. E farémolo, coma sempre, coas nosas mans”.
En maio, ti decides. Se queres botarnos unha man na campaña electoral, achégate á web de xulio2019.gal.