Saltar ao contido

Se non se aproban as contas municipais, non poderían facerse obras como o derrubo do viaduto da Rolda de Nelle ou a reforma da rúa do Rosario.

Tamén é preciso ter fondos para cubrir os gastos de persoal e o acordo de mediación que evita o derrubo o edificio Fenosa, que tería levado ao Concello á bancarrota. 

 

Este luns irá a Pleno o proxecto do goberno municipal para os Orzamentos 2019. O PSOE anunciou a súa intención de bloquealos, sen sentarse a negociar, sen ningunha idea e ningunha proposta. O único que ofreceron foi o non polo non. Trátase dun enorme erro, que vai pagar toda a cidade da Coruña.

Se non saen adiante as contas municipais, haberá proxectos longamente agardados que non se van poder facer neste ano. Proxectos de tramitación complexa, que xa están listos para comezar. Son estes:

  • Demolición do viaduto da Rolda de Nelle.
  • Polideportivo e piscina climatizada do Castrillón.
  • Obras de mellora na rúa Cortaduría e na rúa do Rosario.
  • Rehabilitación do pavillón de Catro Camiños (O Remanso).
  • Reurbanización da Rúa San Xosé en Monte Alto.
  • Camiños interxeneracionais seguros en varios puntos da cidade.
  • Área de xogos da praza da Concordia no Castrillón.
  • Reforma do mercado de Durmideiras.
  • Obras na contorna do mercado de San Agustín.
  • Mellora dos cruces entre Ramón y Cajal e a Avenida do Exército.
  • Obras de accesibilidade en toda A Coruña.
  • Melloras en Áreas de xogo por toda a cidade.
  • Plan para a mellora dos cemiterios: San Amaro, Oza e Feáns.
  • Melloras nos xardíns históricos.
  • Novas plantacións de ábores.
  • Expansión do carril-bici.

Varias asociacións veciñais da cidade denunciaron, con todo o sentido común, esta situación de bloqueo. A nosa porta segue a estar aberta para negociar, pero ata o de agora o PSOE non quixo cruzala. Aínda non é tarde, e convidamos ao Partido Socialista a recapacitar e poñer á Coruña por diante dos intereses partidistas.

Como levamos dicindo dende hai meses, numeosos investimentos están en risco. Non só todos os aparellados aos fondos EidusCoruña, tamén proxectos nos mercados municipais, na Cidade Vella, no Castrillón, na Rolda de Nelle, co derrubo do viaducto e a mellora da contorna.

Non, non se arranxa cun modificativo

PP e PSOE falan de que todo se soluciona cun modificativo para cubrir os convenios coas entidades sociais, pero non é así. Non teñen en conta que, ademais, hai que facer fronte a un incremento en gastos de persoal de case 10 millóns de euros que se ten que levar a cabo por obriga legal. Co orzamento prorrogado, os primeiros gastos que se afronten mediante modificativo deben ir destinados a asumir este incrementos salariais. Tamén hai que reservar a cantidade necesaria para cumprir o acordo de mediación que evitou o derrubo do antigo Conde de Fenosa, que tería levado ao Concello á bancarrota.

O Partido Socialista debería escoitar á veciñanza e, sobre todo, pensar nela antes que nos (dubidosos) cálculos electorais. Castigar á cidadanía non é a solución. Está a tempo de rectificar. O luns pode permitir que a cidade teña un orzamentos.

Que perdemos se non se aproban os Orzamentos 2019?