A recuperación da Casa Cornide, a retirada de simboloxía franquista a Oficina de Atención ás Vítimas, semellan estar paralizadas. Pediremos que se convoque o Consello da Memoria Democrática para que o goberno municipal renda contas
O pacto orzamentario entre o PSOE e a Marea incluía dotar a área de Memoria Historia con 110.000 euros este ano, cuxo estado de execución é descoñecido
A Marea Atlántica reclámalle ao goberno municipal que volva convocar o Consello Municipal da Memoria Democrática para reactivar as políticas de memoria histórica e dar cumprimento aos acordos asinados para a investidura e a aprobación dos Orzamentos 2020. O vicevoceiro do grupo municipal e membro do consello, Iago Martínez, amosa “preocupación pola falta de iniciativa neste ámbito, un diagnóstico que lamentablemente se pode facer extensivo ao resto das competencias do edil de Cultura”.
Todo o traballo do Concello en Memoria Histórica leva parado desde moito antes do confinamento, con asuntos tan sensibles sobre a mesa como a recuperación da Casa Cornide ou o traballo da única Oficina de Atención ás Vítimas que existe en Galicia, creada no mandato anterior. Non se perciben avances, e a Marea Atlántica vén de rexistrar varias preguntas de resposta escrita sobre a materia, “para coñecer a situación real que se agocha detrás da propaganda habitual do goberno local”.
Ningunha reunión do Consello desde novembro
O Consello da Memoria Democrática, creado en 2018 polo alcalde Xulio Ferreiro, reuniuse por última vez en novembro do ano pasado. Daquela, o goberno municipal anunciou o seu “firme propósito” de continuar cos traballos impulsados pola Marea Atlántica para recuperar a Casa Cornide, espoliada pola familia Franco, para o patrimonio público, procurando a súa declaración como Ben de Interese Cultural (BIC). Dese expediente, e do informe histórico encargado para sostelo, non se volveu saber nada.
Naquela reunión do Consello da Memoria Democrática, hai xa sete meses, tamén se anunciou a “reactivación” da Oficina das Vítimas, creada en 2018 durante o goberno da Marea Atlántica, e a continuidade dos traballos de retirada de simboloxía franquista, tamén impulsados durante o mandato anterior con pasos como a retirada dos nomes das rúas que honraban a ditadura. “No caso da oficina, máis ben, parece que o único que avanza é o seu desmantelamento”, apunta Martínez.
A invisible área de Memoria Histórica
Cómpre lembrar, ademais, que o acordo entre a Marea Atlántica e o PSOE incluía un punto para dotar a área de Memoria Histórica de 110.000 euros este ano, co compromiso de ampliar a consignación ata chegar aos 450.000 euros ao final do mandato. “Nestes momentos descoñecemos que porcentaxe desa cifra foi executada, cantas persoas están asignadas para traballar en Memoria Histórica e cal é o plan de actuación desta área para os vindeiros anos, que xa debería estar elaborado”, apunta o edil.
Sobre todos estes asuntos preguntamos ao goberno municipal e agardamos que, co debido respecto á transparencia e aos dereitos da oposición, dea cumprida resposta e aclare o que semella ser a paralización da área de Memoria Histórica.