Nada se sabe nin do cartel nin do concurso público que o goberno municipal se comprometeu a convocar para dotar o festival dunha dirección artística
Remata o mes de xaneiro sen que o Consello Reitor do IMCE aprobe os cambios acordados como condición para aprobar os presupostos do Concello para este ano
O grupo municipal da Marea Atlántica rexistrou unha pregunta oral para o vindeiro Pleno, sobre o estado no que se atopa a organización da edición 2020 do Festival Noroeste e sobre o concurso público para dotar o festival dunha dirección artística que se ocupe deste evento, segundo figura no pacto asinado co Partido Socialista da Coruña para a aprobación dos Orzamentos do Concello para este ano.
O ano pasado, por estas datas, xa se coñecía que a cabeza de cartel do Noreste ía ser Patti Smith e as primeiras pinceladas da edición 2019, que logrou reunir a máis de 100.000 persoas en máis de 90 actuacións. Se o goberno de Ines Rey quere manter o nivel, e debería, ten que comezar xa a programar o evento.
Incumprimento do acordo no IMCE
Esta mañá celebrouse un Consello Reitor do IMCE cunha importante carencia: non se levou o modificativo dos orzamentos pactado entre o PSOE e a Marea Atlántica, incumprindo o acordo asinado o 8 de xaneiro. Parte dese modificativo tería que estar destinado, precisamente, a financiar o concurso para unha dirección artística no Noroeste.
Neste documento figura, literalmente: “Convocar unha xuntanza do Consello Reitor do IMCE, para a modificación efectiva do orzamento, antes de que remate o mes de xaneiro, a fin de trasladar ás previsións orzamentarias os acordos entre a Marea Atlántica e o goberno municipal para os orzamentos do ano 2020, concretamente singularizando unha partida de 200.000 euros para as convocatorias de axudas Xerminal e Cultura de Barrio, e tamén os fondos precisos para dotar o festival Noroeste dunha direccion artística por concurso público”. Ante a situación e ante a falta de explicacións por parte do voceiro do goberno local e do seu concelleiro de Cultura, o representante da Marea no Consello Reitor, Iago Martínez, non asistiu hoxe á xuntanza.
Desde o grupo municipal da Marea Atlántica lembrámoslle ao PSOE que os pactos están para cumprirse, e que o Festival Noroeste se converteu nunha referencia cultural en todo o Estado, a partir da renovación de estilo e formato que o goberno da Marea Atlántica realizou no pasado mandato. Un logro que se conseguiu apostando por un festival independente, feminista, diverso e que respecta os dereitos laborais. É unha herdanza que non se poden permitir dilapidar.