Fronte a alarma social polas denuncias de submisión química, o Concello debería habilitar medidas preventivas contra todo tipo de agresións machistas
Froito do pacto de investidura entre a Marea Atlántica e o PSOE, A Coruña foi pioneira na aprobación dunha Ordenanza de Igualdade, que obriga á administración local a actuar nestes casos
A Marea Atlántica insta ao goberno local a habilitar puntos violeta nas Festas de María Pita como medida preventiva, coa fin de garantir que todas as persoas poidan gozar dun ocio seguro e sen medo, ante a alarma social que está a aumentar en todo o Estado polos casos de ‘pinchazos’ a mulleres en locais de ocio nocturno, segundo denuncian,para administrarlles substancias de submisión química, e co indubidable efecto de espallar unha sensación de inseguridade. Na Coruña xa se están a investigar dous casos que parecen encaixar con este novo tipo de agresións machistas.
Os puntos violeta son espazos dirixidos especialmente ás mulleres, pero aos que calquera persoa pode acudir no caso de ser vítima dunha agresión. Desde que gobernou a Marea Atlántica instaláronse en diversos eventos públicos, coma os situados no San Xoán 2022, e semella axeitado contar con eles tamén nas Festas ante o crecente número de denuncias por mor das picadas. Lembremos que A Coruña foi pioneira en aprobar unha Ordenanza Municipal de Igualdade, deseñada no mandato anterior e aprobada en 2019 dentro do noso acordo co PSOE para a investidura de Inés Rey,, que establece obrigas para a administración local en resposta ás violencias machistas.
Así o están a facer os locais de ocio nocturno que forman parte da Federación España de Noche, que chegaron a un acordo co Ministerio de Igualdade para establecer un protocolo de actuación ante as picadas, consistente en acompañar ás vítimas en todo momento e priorizar a súa seguridade. Mesmo o servizo de urxencias do CHUAC está a preparar un protocolo de actuación que permita atender rapidamente os posibles casos de submisión química.
Medidas para a unha cidade sen violencias machistas
Esta práctica dos ‘pinchazos’ é, sen dúbida, un xeito de atemorizar e agredir ás mulleres que precisa unha resposta a todos os niveis, tamén desde a administración local. É preciso impulsar as medidas necesarias para garantir un ocio tranquilo e seguro. Tanto nestes casos coma en todas as agresións e formas de violencias machistas.
Por iso, a proposta de recuperar os puntos violeta nas Festas de María Pita e nos eventos organizados polo Concello da Coruña debería valorarse por parte do goberno local. Porque o goberno local ten a obriga de garantir unhas festas sen medo para toda a veciñanza. Deberían, tamén, prepararse campañas de sensibilización, e convocarse o Consello Municipal da Igualdade para abordar o problema coas entidades coruñesas que traballan neste ámbito.
Necesidade de reforzar as políticas municipais de Igualdade
En xeral, neste mandato percibiuse un retroceso en canto ao compromiso do Concello da Coruña coa igualdade de xénero e a loita contra a discriminación das mulleres, como temos denunciado xa no Pleno. A Ordenanza de Igualdade non se está a cumprir. A Inspección de Traballo chegou a abrirlle un expediente ao Concello por non ter un Plan de Igualdade de oportunidades entre mulleres e homes.
Non se están a cumprir os acordos asinados coa Marea Atlántica nesta materia, coma a recuperación da Escola de Empoderamento Feminista ou a creación da Casa da Muller ‘Elisa e Marcela’ para centralizar os servizos de Igualdade.
Tampouco se están a reforzar os recursos dispoñibles para atender ás vítimas de violencias machistas, nin a introducir criterios de igualdade nos contratos e subvencións municipais tal e como recolle a Ordenanza municipal de Igualdade. Os programas de igualdade e prevención das violencias machistas foron eliminados da oferta de Coruña Educa nos últimos cursos, e nin sequera se convocou a Comisión de Seguimento prevista na ordenanza para corrixir estes problemas. Por todo isto, instamos ao equipo de Inés Rey a reforzar este compromiso fundamental.