Saltar ao contido
Porto da Coruña

María García: “En lugar de rectificar, o presidente de Puertos del Estado afonda nos seus erros e descoñecemento. Se en Valencia foi posible eliminar 400 millóns de débeda, tamén se pode facer na Coruña con 200 millóns”

A apertura temporal do peirao de Transatlánticos este sábado demostra que facelo era só cuestión de vontade política, como sempre reclamou a Marea Atlántica

O 31 de marzo convocaremos a Comisión do Bordo Litoral para  fixar unha posición común do Concello nas negociacións sobre o futuro do porto ante a Xunta e o Estado

A voceira da Marea Atlántica e presidenta da Comisión Especial do Bordo Litoral do Concello, María García, denuncia as gravísimas declaracións do presidente de Puertos del Estado, Francisco Toledo, nas que amosa unha vez máis o seu desprezo pola cidade da Coruña, o seu descoñecemento da situación real e a súa intención de manter o porto lastrado por unha débeda inxusta e abusiva. Ante esta situación, a alcaldesa non debería seguir en silencio. Esixímoslle que tome partido pola cidade e condene as palabras do representante do goberno do Estado, aínda que sexa do seu mesmo partido.

“En lugar de rectificar, Francisco Toledo afonda nos seus erros. Non é imposible condonar a débeda, o que debería ser imposible é que o máximo representante dos portos españois dixese nun medio, como fai el hoxe, que a refinería se trasladou a Punta Langosteira. Na Coruña sabemos, claro, que non é así. En todo caso, se en Valencia foi posible eliminar 400 millóns de débeda, tamén se pode facer na Coruña con 200 millóns”, sentenza María García.

Neste contexto, María García convocará a Comisión do Bordo Litoral o vindeiro 31 de marzo, para tentar fixar unha posición común de todos os grupos municipais para as negociacións entre o Concello, a Xunta e o Estado. As tres institucións anunciaron unha nova xuntanza á volta da Semana Santa, e o goberno local debería acudir a ela con intención de defender os principais consensos sobre a recuperación do porto.

Tal e como reclamaron de xeito unánime o Concello, a Deputación Provincial e o Parlamento de Galicia en diversas mocións e resolucións, o futuro dos peiraos interiores da Coruña pasa por: condonación da débeda, financiamento da conexión ferroviaria; renuncia á especulación inmobiliaria en plena fachada marítima, titularidade e xestión pública dos terreos, mantemento da pesca e os usos produtivos do porto e participación cidadá.

 

Puertos del Estado fai caixa á custa da Coruña

Tal e como sinala a nosa voceira, “semella que Puertos del Estado só ten interese no porto da Coruña para facer caixa cun préstamo de condicións abusivas. Os intereses son dez veces máis altos que os do Banco Europeo de Investimento e, agora mesmo, son a principal fonte de ingresos financeiros de Puertos del Estado. Que ten que dicir a iso o señor Toledo?”. A Autoridade Portuaria da Coruña ten pagado xa 40 millóns de só en intereses, sen conseguir amortizar un so euro do préstamo.

Se o problema é perdoarllos a unha Autoridade Portuaria, pode trasladarse esa débeda a un consorcio ou outra entidade pública encargada de xestionar os peiraos que se desafecten no futuro. Xusto o que se fixo en Valencia para condonar a débeda nacida dos excesos de Francisco Camps e Rita Barberá, para pagar a Fórmula 1 e a Copa América. A Coruña merece o mesmo trato, sobre todo porque neste caso a débeda xurde de financiar unha obra de interese xeral, a dársena exterior de Punta Langosteira.

A recuperación dos peiraos é a maior transformación urbana á que se enfronta A Coruña nas próximas décadas. A apertura temporal do peirao de Transatlánticos, anunciada pola Autoridade Portuaria para os vindeiros días, será unha pequena mostra do potencial que teñen as dársenas interiores. Ademais da comprobación de que o que a Marea Atlántica leva anos reclamando, abrir o porto á veciñanza, era só cuestión de vontade política.

 

Mañá, charla en liña sobre os usos produtivos do porto

Doutra banda, é preocupante a insistencia de Francisco Toledo en vender os peiraos para facer caixa, negándose a levantar a hipoteca sobre o bordo litoral da Coruña. Ignora por completo as actividades produtivas que se desenvolven nos peiraos de San Diego, comezando pola lonxa, e que son fonte de emprego e riqueza na cidade. Non debemos perder estas industrias a cambio dunha aposta pola especulación inmobiliaria en plena fachada marítima.

Sobre esta materia, a defensa das economías do mar no porto da Coruña, a Marea Atlántica organizará unha charla en liña na súa canle de Youtube. Será mañá, 24 de marzo, ás 18.30 e contará coa participación de Torcuato Teixeira, presidente da Lonxa da Coruña, Lucía Fraga, coordinadora de Formación do CETMAR e Xosé Manuel Barros, socio fundador da asociación Mar de Fábula. O público poderá participar na conversa con preguntas en directo.

Puertos del Estado teima en hipotecar o bordo litoral da Coruña para facer caixa coa débeda