Saltar ao contido
Aeroporto de Alvedro

O concelleiro Juan Ignacio Borrego mentiu hoxe na Comisión de Turismo ao asegurar que o protocolo de intencións asinado con Volotea no mandato anterior é contrario á norma. Reclamamos unha desculpa e unha rectificación inmediata

Tras a perda dos voos a Londres, Bilbao, Valencia e Málaga, e a redución de frecuencias a Madrid, Barcelona e Sevilla, o equipo de Inés Rey ten que poñerse a traballar, non a inventar escusas

O grupo municipal da Marea Atlántica esíxelle ao concelleiro Juan Ignacio Borrego unha desculpa e unha inmediata rectificación logo das gravisimas acusacións que lanzou hoxe na Comisión Informativa Promoción Económica, Comercio e Turismo. Alí, mentiu ao dicir que o protocolo de intencións asinado polo Concello da Coruña e Volotea durante o pasado mandato era contrario á normativa europea. Como sinalou o concelleiro Alberto Lema, “o señor Borrego debe retirar esa acusación de inmediato, poñerse a traballar polo futuro do aeroporto e deixar de sementar falsidades para ocultar a súa pésima xestión. Se non o fai, a alcaldesa debería desautorizalo canto antes”.

Poñer en dúbida a legalidade o protocolo de intencións amosa, ademais, un fondo descoñecemento do funcionamento da administración e da legalidade vixente. O documento, asinado o 11 de decembro de 2018 polo entón concelleiro de Turismo, Alberto Lema, e representantes da Cámara de Comercio e da compañía aérea Volotea, sentou as bases dunha futura colaboración entre o Consorcio de Turismo e a empresa, e permitiu a implantación do voo directo entre A Coruña e Bilbao. Ese voo que o executivo local acaba de perder, ao igual que desperdiciou a oportunidade de consolidar a relación con Volotea. o concelleiro de Turismo prometera facelo e ampliar a oferta de voos, pero na realidade só ofreceu pasos atrás.

“Inventar falsidades e sementar dúbidas sobre ese protocolo non é só difamar ao goberno da Marea Atlántica, senón tamén á Cámara de Comercio. Se o señor Borrego ten probas debería acudir de inmediato aos xulgados, desafiámolo a facelo. Pero se non o fai, ten a obriga de desculparse”, afirma Alberto Lema.

Os resultados de Alvedro non son para presumir. No último ano non só se perdeu o voo a Bilbao, tamén as conexións de Vueling con Londres, Málaga e Valencia, e boa parte das frecuencias con Madrid, Barcelona e Sevilla, sobre todo aquelas de primeira hora da mañá e última da tarde, as máis usadas para as viaxes de negocios. O Concello da Coruña comprometeuse a pagarlle 900.000 euros a Vueling, mentres a compañía desmonta o seu servizo na Coruña e retira o avión con base en Alvedro, mandando ao paro a 30 persoas. Diso é do que debería estar a ocuparse Juan Ignacio Borrego. 

 

A Marea Atlántica esíxelle ao PSOE que non recorra á mentira para ocultar a súa nefasta xestión en Alvedro