María García: “A situación financeira da Autoridade Portuaria é catastrófica e pon en perigo a recuperación dos peiraos interiores para a cidade. Ábrelle a porta á especulación”
En Valencia condonouse unha débeda de 400 millóns e en Castellón finánciase a conexión ferroviaria con 140 millóns, mentres para A Coruña hai cero euros
O concelleiro de Urbanismo nin sequera asistiu onte ao Consello de Administración da Autoridade Portuaria, deixando o Concello sen representación
O grupo municipal da Marea Atlántica esíxelle a Inés Rey que deixe a un lado as liortas do PSOE, se centre no fundamental para A Coruña, e comece a esixirlle ao Estado a condonación inmediata da débeda do porto e a conexión ferroviaria con Punta Langosteira. A nosa voceira, María García, sinalou hoxe que, segundo a declaración urxente do Consello de Administración da Autoridade Portuaria e os datos publicados na prensa, “a situación financeira do porto é catastrófica, e pon en perigo a recuperación dos peiraos interiores para a cidade, abríndolle a porta á especulación”. Esixímoslle á alcaldesa que deixe de mirar para outro lado e defenda o interese xeral da Coruña. Ten a nosa man tendida”.
A Autoridade Portuaria ten unha débeda de 300 millóns de euros, derivada das obras do Porto Exterior da Coruña, e na que o principal acredor é o Estado, con 200 millóns. Nestes momentos, é imposible asumila e a entidade chega a falar dun risco de suspensión de pagos. En Valencia, o Goberno do Estado condona unha débeda portuaria de 400 millóns de euros, que vén da Fórmula 1 e a Copa América. Na Coruña non pon nin un euro para sufragar unha obra de interese xeral, despois de que a cidade sufrira tres mareas negras en 18 anos: a do Urkiola, a do Mar Exeo e a do Prestige, de triste aniversario esta semana.

A este agravio súmanse os 140 millóns que ADIF porá para a conexión ferroviaria do porto de Castellón, fronte aos cero euros que achega para darlle unha saída por tren ao porto exterior de Punta Langosteira. “O abandono por parte do Estado é total, pois sen enlace por ferrocarril o porto exterior nunca será viable, tirando ao lixo os mil millóns que custou. E nunca será posible liberar os peiraos de Batería, Calvo Sotelo e San Diego para devolvérllelos á cidade e á cidadanía”.
En paralelo, é necesario liquidar dunha vez os convenios urbanísticos de 2004, pensados para facer caixa coa venda dos peiraos interiores. Xa foron rexeitados por unha forte mobilización social, co apoio do Pleno a instancias do goberno municipal da Marea Atlántica no anterior mandato, e con acordos unánimes no mesmo sentido do Parlamento de Galicia e a Deputación da Coruña.
A alcaldesa ausente, concelleiro ausente
A nosa voceira lembra que “levamos meses advertindo do risco, pero a alcaldesa está ausente, enredada nas pelexas dentro do PSOE”. Non convocou o Pleno Extraordinario que a Corporación aprobou en outubro, a partir dunha moción da Marea Atlántica, para trasladar de xeito unánime unha emenda aos Orzamentos Xerais do Estado, nos que A Coruña e o seu porto están completamente desaparecidos. Nin sequera fixo aínda a primeira chamada.
Ausente estivo tamén o concelleiro Juan Díaz Villoslada na xuntanza de urxencia que o Consello de Administración da Autoridade Portuaria para tratar esta grave situación, pese a ser o representante do Concello neste órgano. Villoslada deixou sen voz a cidade da Coruña e no próximo Pleno preguntarémoslle por que. Agardamos que non sexa nin por causas de forza maior nin para atender algunha guerra do Partido Socialista.