A Xunta de Goberno aproba mañá o proxecto necesario para solucionar os problemas no edificio, cun investimento de case 800.000 euros
A Xunta de Goberno Local do Concello da Coruña aprobará mañá o proxecto das obras para reparar o sistema de climatización e o illamento da sede da Fundación Luis Seoane, e solucionar así o problema de filtracións de auga que se está a producir no edificio. A primeira fase destes traballos estará financiada cun total de 795.000 euros, parte do acordo entre a Marea Atlántica e o goberno local para a aprobación dos Orzamentos 2022.
O proxecto de obra que se aproba mañá substitúe o redactado en 2018, para ter en conta a situación actual do edificio, e corresponde á primeira fase dunha actuación máis ampla, para acometer as reparacións máis inmediatas. O goberno comprométese a que os traballos sairán a licitación no primeiro trimestre de 2023, e a segunda fase deberá iniciarse no prazo máximo dun ano tras o remate da primeira.
Deste xeito, e como xa se comprometera o executivo municipal no último Padroado da Fundación Luis Seoane, en maio, sáldase unha conta pendente cun dos artistas galegos máis relevantes do século XX. A de Seoane foi unha figura central nas artes plásticas e da vida cultural, tanto no exilio ao que o obrigou a súa loita contra o franquismo, como tras o seu regreso a Galicia. Protexer a súa memoria é unha obriga que o Concello da Coruña asume con responsabilidade e orgullo.
A Fundación Luís Seoane custodia o arquivo epistolar e documental do artista, doado pola súa viúva, María Elvira Fernández López (coñecida como Maruxa Seoane), ademais de 200 cadros ao óleo, toda a obra gráfica editada por Seoane e máis dun milleiro de bosquexos e primeiras edicións. Un valioso legado que quedará mellor protexido tras a execución destas obras de reparación.