O grupo municipal da Marea mantivo esta mañá unha xuntanza coa Plataforma Veciñal sobre a Cidade das TIC, e trasladaremos as súas demandas ao vindeiro Pleno
O venres 21 de febreiro, ás oito da tarde, celebraremos unha Rede de Barrio en Pedralonga para escoitar as preocupacións da cidadanía e debater sobre a Cidade das TIC
O grupo municipal da Marea Atlántica saúda o primeiro paso para a posta en marcha da Cidade das TIC, coa sinatura do convenio entre a Universidade da Coruña e o Ministerio de Defensa para ceder os terreos da antiga Fábrica de Armas. Trátase dun proxecto estratéxico para a cidade, que o goberno de Xulio Ferreiro apoiou sen dubidar, e que suporá unha alternativa para crear postos de traballo de calidade na Coruña a través do sector tecnolóxico e combater a crise industrial.
Por iso mesmo agardamos que medre desde a perspectiva do emprego e a innovación, e sempre da man da veciñanza, sen caer na tentación de desenvolvementos urbanísticos especulativos. Así llo trasladamos esta mañá ás representantes da Plataforma Veciñal da Cidade das TIC, da que forman parte as AVV de Palavea, Eirís, Pedralonga, A Zapateira e o Castro de Elviña. A nosa voceira, María García, e os concelleiros Xiao Varela, Alberto Lema e Claudia Delso mantiveron un encontro para escoitar as preocupacións deste colectivo, que se comprometeron a levar ao vindeiro Pleno do Concello da Coruña a través dunha moción.
Tamén trasladaron a súa preocupaciṕon, compartida pola Marea Atlántica, ante a falta de información directa do goberno municipal, e pola sensación de improvisación que atopan no proxecto de novos viais a través de Monte Mero, orzamentados en 14 millóns de euros.
Equipamentos e servizos, non mercado inmobiliario
“A Cidade das TIC precisará de novos accesos, que deben planearse de xeito eficiente, informando á cidadanía afectada e respectando o máximo posible as vivendas que xa existen na zona. A xente non pode enterarse pola prensa como xa ocorreu”, explicou María García. “Debe ser unha oportunidade para dotar a estes barrios de servizos, equipamentos e espazos públicos dos que teñen gran necesidade, e así o introducimos no noso pacto do PSOE para os Orzamentos 2020”, lembrou.
Ben preto temos Ofimático, que se anunciara como un parque empresarial e rematou sendo un enorme problema urbanístico que só no mandato anterior comezou a resolverse. Nunca cidade con 18.000 vivenda baleiras, a zona de Monte Mero non precisa, desde logo, novas promocións urbanísticas privadas coa excusa da futura Cidade das TIC.
O venres, Rede de Barrio en Pedralonga
Para continuar escoitando á veciñanza e trasladando información á veciñanza, a Marea Atlántica celebrará este venres, 21 de febreiro, unha Rede de Barrio en Pedralonga, centrada no proxecto da Cidade das TIC. Será ás 20h no centro veciñal de Pedralonga.