“Inés Rey tiña que escoller entre facerse unha foto rechamante a 60 días das eleccións ou traballar por un proxecto valente e innovador para o principal acceso á cidade. Por desgraza, escolleu a foto”, sinala o candidato da Marea Atlántica á Alcaldía da Coruña
O Concello e o Ministerio “falan en verde cando anuncian zonas de baixas emisión e peonalizacións, pero actúan en gris en Alfonso Molina ou na ampliación da Ponte da Pasaxe”
Xan Xove, candidato da Marea Atlántica á Alcaldía da Coruña, Xan Xove, lamentou onte que o proxecto presentado para reformar a avenida de Alfonso Molina chegue con vontade de anuncio electoralista e non de alternativa ambiciosa para os problemas de mobilidade. “En Alfonso Molina, Inés Rey tiña que escoller entre unha foto rechamante a 60 días das eleccións ou desenvolver unha alternativa verde, saudable, innovadora e con perspectiva metropolitana para o principal acceso da Coruña. Por desgraza, escolleu a foto. A partir do 28 de maio reconduciremos o proxecto”, afirmou Xove.
“Temos a oportunidade de afrontar o desafío de Alfonso Molina, por onde se moven cada día case 120.000 vehículos, cunha perspectiva de futuro, transformando o que é unha autoestrada polo medio da cidade nunha avenida máis integrada cos barrios das súas beiras, máis flexible para facer fronte aos momentos de sobrecarga de tráfico, cunha maior aposta polo transporte público e unha mellor conexión cos desprazamentos a pé e en bicicleta. En lugar diso temos unha proposta de hai trinta anos, propia do pasado, con máis carrís, máis coches e máis atascos na praza de Ourense. Non é o que A Coruña precisa, nin o que unha mobilidade do século XXI demanda”, resume o candidato.
Precisamente, foi Xulio Ferreiro quen logrou actualizar o modelo anticuado e centrado no coche que estaba previsto para a ampliación da avenida da Vedra, a través dun acordo co que daquela era o Ministerio de Fomento. Pero ese modelo quedou desbotado no proxecto que onte presentaron alcaldesa Inés Rey, e o director xeral do Ministerio de Transportes, Juan Pedro Fernández Palomino.
Para María García, voceira municipal da Marea Atlántica, este retroceso é difícil de entender: “Se ían pulsar o botón de rebobinar á mobilidade dos anos 90, non se entende que tardasen seis anos e o comuniquen unha semana antes de que o período de sombra electoral prohiba facer anuncios deste tipo”. García critica, ademais, que por detrás das recreacións en imaxes 3D o que se presentou é un proxecto incompleto, ao que lle faltan todas as medidas de humanización e integración ambiental. “Nin ten data para licitarse, nin conta con financiamento para rematarse antes de 2026”.
Falar en verde, facer en gris
Xan Xove tamén sinalou a contradición entre un Concello e un Ministerio de Transportes que adoitan “falar en verde sobre peonalizar, fomentar a mobilidade alternativa, implantar zonas de baixas emisións e combater o cambio climático”, pero que á hora da verdade escollen “facer en gris e pensando principalmente no coche, coma en Alfonso Molina ou na ampliación prevista na Ponte da Pasaxe. As consecuencias pagarémolas despois coa saturación da cidade cos vehiculos procedentes da área metropolitana”.
A reforma da Vedra que se pactara no pasado mandato tiña en conta a conexión da avenida cos barrios, a incorporación dun carril reservado para o transporte público e para as bicis, así como a pacificación do tránsito e a redución da velocidade a 70 quilómetros por hora, entre outras cuestións. Propostas de futuro que, sen máis explicación, foron desbotadas no proxecto presentado onte para retroceder o reloxo trinta anos.
Pensar que os problemas de mobilidade se resolven metendo máis coches na Coruña é un erro grave, de efectos duradeiros e propio de hai trinta anos. Ademais, Elviña, Matogrande, O Birloque, o Barrio das Flores, Xuxán e Someso son barrios da cidade nos que viven máis de 20.000 persoas, e non merecen estar incomunicados por unha autoestrada. Alfonso Molina precisa unha solución de futuro, non unha foto en tempos electorais. Terá que reconducilo a Marea Atlántica a partir do 28 de maio, cando estea de volta no goberno municipal.