Saltar ao contido

O candidato da Marea Atlántica mantivo onte un encontro coa asociación ALAS  e amosou o seu apoio á propostas e reividicacións da entidade, traducidas nunha serie de compromisos

O Observatorio Coruñés contra a LGTBIfobia detectou en 2022 un total de 32 agresións de ocio na cidade, unha cifra que hai que seguir traballando para eliminar

Xan Xove, candidato da Marea Atlántica á Alcaldía da Coruña, impulsará no vindeiro mandato un protocolo municipal para loitar, de xeito activo, contra a discriminación e o odio dirixido cara o colectivo  LGTBIQ+. Esta medida servirá para coordinar as administracións e as entidades sociais que traballen no apoio ao colectivo, para abordar os casos de vulneración de dereitos por mor da orientación sexual e a identidade de xénero e para facer fronte ás situacións de violencia. “O obxectivo desta mesa de coordinación será traballar conxuntamente coa sociedade civil para facilitar os recursos que precisen as vítimas, acompañalas e buscar xeitos de reparar o dano”, aclara Xove. 

O noso cabeza de lista mantivo onte un encontro coa Asociación pola Liberdade Afectiva e Sexual da Coruña (ALAS), acompañado pola concelleira Silvia Cameán e polo número 3 da súa lista, Rodri Gil, e amosou o seu apoio ás demandas e propostas da entidade, traducidas en dez compromisos pola comunidade LGBTIQ+ da Coruña. Entre eles, devolverlle á celebración do Orgullo o carácter reivindicativo e a colaboración coas entidades sociais, facilitar recursos de apoio e ofrecer formación para a atención á diversidade. 

Con Samuel Luiz na memoria

“Non imos esquecer que na Coruña asesinaron a golpes, entre berros de ‘maricón’ a Samuel Luiz Muñiz, un brutal acto de homofobia que marcou a toda a cidade. Desde o Concello, quero facer todo o posible para que esta barbarie non volva repetirse, e para amosar todo o meu apoio ao colectivo LGBTIQ+”, afirmou Xan Xove tras o encontro. 

ALAS é a responsable do Observatorio Coruñés contra a LGTBIfobia, cuxo convenio co Concello será necesario reforzar no vindeiro mandato. Vén de presentar o seu informe do ano 2022, no que a entidade atendeu consultas de 209 persoas. E identificou na cidade 32 incidentes de odio cara a comunidade LGTBIQ+. Dáse unha leve diminución de casos con respecto ao ano anterior, pero hai que seguir traballando ata que as agresións desaparezan.

Xan Xove impulsará un protocolo municipal para a loita contra a discriminación cara o colectivo LGTBIQ+