Saltar ao contido

Ao eliminar programas como Coruña en Forma, o goberno municipal permite que Amartya rescinda o contrato e deixe na rúa a 32 persoas, sen garantir o seu dereito á subrogación

Claudia Delso procurará un posicionamento conxunto da Comisión de Deportes en apoio ao cadro de persoal de Amartya e defensa seus postos de traballo 

A concelleira Claudia Delso, representante da Marea Atlántica na Comisión de Deportes, reclámalle ao concelleiro desta área, Juan Ignacio Borrego, que asuma as súas responsabilidades e que manteña a actividade deportiva durante o verán en lugar de facela desaparecer pola vía dos feitos, sacrificando no proceso os postos de traballo da empresa Amartya. “Ao cancelar programas como Coruña en Forma, que beneficiou a milleiros de veciñas, o Concello permite que se anule o contrato con Amartya e condena ao paro a 32 persoas sen garantir o seu dereito á de subrogación.

Na Comisión de Deportes, convocada para mañá, Claudia Delso pediralle explicacións ao concelleiro e proporá un posicionamento en apoio ao cadro de persoal de Amartya e polo mantemento dos seus empregos: “Despois dun duro comunicado da Asociación de Clubes Deportivos da Coruña, Juan Ignacio Borrego, que levaba semanas desaparecido, sae a anunciar que se lles perdoará as taxas das instalacións municipais. É unha boa medida, que xa lle reclamamos no último Pleno, pero non pode ser a escusa para que o goberno abdique da súa responsabilidade e das súas competencias, e delegue a actividade deportiva exclusivamente nas entidades amateur”.

Neste sentido, Delso sinalou que “tras tres meses de confinamento, o Concello debería estar a ofrecer un programa de actividade física segura para o verán, coidando da saúde da poboación e cumprindo as recomendacións médicas”. Pero, en lugar diso, fai desaparecer toda actividade e suspende o contrato coa empresa Amartya, encargada de programas como Coruña en Forma.

Con isto, sacrifica 32 postos de traballo e incumpre o acordo adoptado pola corporación, de manter todos os contratos municipais mentres dure a situación derivada da pandemia. En lugar diso, 32 persoas irán ao paro e, ademais, ao non manterse o contrato, non terán dereito de subrogación se o servizo volve reactivarse no futuro. Non pode ser. “Este goberno non baixa á area a intermediar entre os traballadores e as empresas que prestan servizo ao concello, non manchan as mans en defensa do emprego, algo imperdoable coa crise que temos enriba”.

Coruña en Forma, creado durante o goberno da Marea Atlántica, chegou a reunir a 13.306 asistentes na súa edición de 2018 –en 2019 celebrouse, pero o goberno non fixo públicos os datos–. É un programa de actividades ao aire libre, con oferta para todas as idades, que podería seguir a desenvolverse na desescalada. Un servizo público que permitiría renovar o contrato con Amartya e atender á veciñanza da Coruña.

Xestión directa e mellora das instalacións

Doutra banda, Claudia Delso tamén preguntará na Comisión de Deportes pola viabilidade de que o Concello asuma a xestión pública do polideportivo do Castrillón, e polos motivos para renunciar a facelo en San Diego. “Está demostrado que a xestión municipal é máis eficiente e dá mellores resultados, e solicitaremos que o goberno municipal explique por que escolle a vía da concesión privada”.

Tamén preguntará pola contratación das obras para a ampliación do rocódromo de Riazor e a reforma das instalacións deportivas da Torre para facelas compatibles coa práctica do rugby, dous proxectos anunciados nos que non se coñecen avances de ningún tipo.

Instamos ao concelleiro de Deportes a manter as actividades do verán  e protexer o emprego en Amartya