Saltar ao contido

Presentaremos na Deputación unha iniciativa para reclamar que o goberno galego amplíe a declaración de BIC do pazo, impedindo un novo roubo da familia Franco

Alberto Lema: “A Xunta non pode quedar de brazos cruzados ante o espolio dos Franco, pode evitalo cun trámite administrativo ben sinxelo. Só falta vontade”

A Marea Atlántica levará ao vindeiro Pleno da Deputación da Coruña unha moción para instar á Xunta de Galicia a ampliar a protección do Pazo de Meirás ao mobiliario e obra de arte que están asociados á categoría de sitio histórico, impedindo un novo roubo da familia Franco. Sumámonos, deste xeito, ás reclamacións do Concello de Sada para evitar que os herdeiros do ditador sigan a secuestrar patrimonio público. 

Neste sentido, tamén convidamos a toda a cidadanía a participar, mañá sábado, ao acto de reivindicación democrática que varios colectivos de memoria histórica celebran mañá, ás 12h, en Meirás. Desde A Coruña sairán buses ás 10h, desde a parada de San Pedro de Mezonzo. 

Como sinala o noso voceiro provincial, Alberto Lema: “A Xunta de Galicia non pode quedar de brazos cruzados ante un novo espolio das Torres de Meirás, esixímoslle que actúe con urxencia na súa defensa. É un tramite sinxelo e só falta vontade política”. Só con publicar esta modificación do BIC no DOG, os bens mobles xa contarían con tutela inmediata. 

Reclamamos, ademais, que se inclúa un catálogo detallado dos obxectos vinculados historicamente ao Pazo, que debe facerse público para reforzar a súa protección. Non pode consentirse que os Franco leven o que queiran de Meirás, como xa intentaron facer no mes de maio. 

Nós últimos anos, a presión e a mobilización social sobre o pazo de Meirás, espoliado polo ditador Francisco Franco nos anos posteriores á Guerra Civil, conseguiu que o estado recuperase a propiedade do edificio. Foi grazas ao esforzo combinado de plataformas cidadás, colectivos en defensa da memoria histórica, forzas políticas e o papel activo do Concello de Sada e o seu goberno municipalista encabezado por Benito Portela.

A Xunta de Feijóo opúxose no comezo a estas reivindicacións, para apuntarse a elas cando a recuperación de Meirás xa parecía segura. Agora, continúa a romper a unidade de acción cando se opón da darlle ao Pazo un uso centrado en reivindicar a memoria histórica. Por iso pedímoslle que recapacite.

Reclamámoslle á Xunta que amplíe a protección do Pazo de Meirás para incluír mobiliario e obras de arte