Saltar ao contido
Parque de San pedro

Prorroga dos contratos públicos: Unha práctica normal

Xunto co goberno, o PP perdeu a memoria.Xa non lembra, ou non quere lembrar, que cando remata un contrato público, é normal continuar pagando vía factura os servizos, ata que se pode renovar.

O Concello da Coruña terá que facelo durante uns meses, como se anuncia con grandes titulares, co servizo de bibliotecas –pola complexidade dos trámites da remunicipalización– e co mantemento de parques e xardíns –onde o PP deixara un concurso cheo de irregularidades e que non valoraba a calidade do servizo–. Obviamente, non por chegar a fin os contratos vanse deixar de coidar os xardíns, nin van pechar as bibliotecas.

Non é tan raro. O Partido Popular fíxoo en varias ocasións durante o seu mandato en María Pita, aínda que agora perdese a memoria:

  • En novembro de 2011 rematou o contrato de mantemento dos semáforos, e estivo se renovarse ata marzo de 2014. Durante eses dous anos e medio, o Concello seguiu pagando o servizo con facturas con reparos. 90.000 euros ao mes. Un total de 2,4 millóns.
  • En abril de 2012 rematou o contrato do mantemento da paxareira de San Diego, e non se renovou ata 2013. Todo ese tempo pagáronse as facturas con reparo, por uns 5.900 euros ao mes
  • En xullo de 2012 rematou o contrato de mantemento de instalacións deportivas, que non se renovou ata novembro dese ano. As facturas, con reparos, seguiron chegando nos meses intermedios, e foron pagándose.

O PP fai esforzos por perder a memoria

Quere esquecer a súa verdadeira relación cos contratos públicos: a corrupción, o financiamento ilegal, os enchufes e o pago de favores. Na Coruña seguen abertos uns cantos sumarios da Pikachu, a operación Pokemon percorre o norte de Galicia e a Patos o sur. Todas elas teñen en común que as o costume do Partido Popular de empregar as institucións como axencias de colocación. E no Estado temos a Gürtel, a Taula, a Púnica…

O partido que leva décadas facendo un uso privado dos cartos públicos tenta agora inventar problemas nos gobernos do cambio. Os seus non hai que inventalos. Están nos xulgados.