Saltar ao contido

Como medida da vontade de dialogo da alcaldesa, reclamamos o desbloqueo de medidas de mínimos xa acordadas en vivenda, mobilidade, enerxía, xustiza social e equipamentos para os barrios 

Xan Xove: “Cada vez é máis difícil encher a cesta da compra ou pagar o alugueiro dun piso. Precisamos que as institucións públicas dean resposta”


A voceira municipal da Marea Atlántica, María García, e o noso candidato á alcaldía, Xan Xove, ofreceron hoxe unha rolda de prensa para presentar dez medidas que a alcaldesa ten que poñer en marcha para abrir unha negociación cara os Orzamentos 2023. As dez propostas, que foron presentadas hoxe no rexistro municipal, responden maiormente a acordos asinados ao longo do mandato e que seguen sen cumprirse, e abordan necesidades da cidadanía nun momento de crise inflacionaria.

  1. Declaración inmediata dunha moratoria dun ano na implantación de pisos turísticos para impulsar a súa regulación mediante modificación do PXOM.

  2. Convocatoria do concurso de compra de vivenda para incrementar o parque municipal e adopción de medidas urxentes para frear a alza dos alugueres.

  3. Aumento mínimo dun +9% nas contías da Renda Social Municipal e as Axudas de Emerxencia Social para compensar o impacto da inflación.

  4. Publicación do Mapa das Enerxías Renovables para impulsar a xeración pública eléctrica de autoconsumo na propia cidade.

  5. Suspensión da concesión de licenzas de casas de apostas para impulsar unha modificación do PXOM e estabelecer distancias mínimas aos equipamentos vulnerables.

  6. Garantir que nin os convenios coas entidades sociais nin os fondos precisos para a implantación da AESIA se van ver afectados pola negociación e poderán ser obxecto dun modificativo de crédito a comezos do novo exercicio.

  7. Desbloqueo dos novos equipamentos nos barrios previstos no acordo orzamentario de 2022, como a biblioteca de Novo Mesoiro ou o centro de día e escola infantil en Xuxán.

  8. Formulación de alegacións ao proxecto de ampliación da Ponte da Pasaxe para mellorar as mobilidades peonil e ciclista e implantar medidas adicionais en favor do transporte público colectivo e que reduzan o uso de vehículos privados motorizados.

  9. Constitución da comisión para o estudo da remunicipalización das bibliotecas municipais de xestión privada, á que se incorporarán as representantes das traballadoras.

  10. Convocatoria da Mesa de Alcaldes e Alcaldesas da Área Metropolitana para a abordaxe conxunta da xestión dos residuos e a planificación da mobilidade.

Unha medida da credibilidade do goberno local

María García aclarou que se trata de propostas de mínimos, que se poden poñer en marcha con rapidez se hai vontade para facelo. “Hai moreas de medidas sen cumprir nos acordos asinados ao longo do mandato. Poderiamos cruzarnos de brazos e limitarnos a denunciar a pasividade do goberno local, pero preferimos, coma sempre na Marea Atlántica, ser construtivas e poñer sobre a mesa medidas que beneficien á xente”. 

Xan Xove engadiu que estamos a dez días de rematar o ano, cun 2023 que chegan cun contexto de inflación desbocada e dificultades crecentes para encher a cesta da compra ou pagar o alugueiro dun piso e cubrir outras necesidades básicas. E neste contexto, precisamos administracións fortes que actúen onde a xente as necesita”. 

Consecuencias da prórroga dos orzamentos

O candidato á alcaldía lamentou que “a pesar que que llo pedimos varias veces, o goberno local aínda non abriu a negociación política para aprobar uns novos orzamentos. Pese a necesidade e pese a que é unha obriga do goberno fixada pola normativa de Facendas Locais. Isto supón que as entidades sociais, que estan a lanzar unha voz de alarma, van quedar sen convenios a partir da semana que vén”.

Por iso propuxemos hai nove días un modificativo para renovar estes convenios, no que se deben introducir  outros compromisos ineludibles coma os compromisos adquiridos para implantar na Coruña a sede da AESIA. Inés Rey ten que dar resposta.

Dez propostas de mínimos para abrir a negociación dos Orzamentos de 2023 co goberno local