No Pleno Extraordinario de Mañá, recuperamos as emendas que o goberno bloqueou o mes pasado: 75% de bonificación nas taxas da auga e o lixo para os pequenos negocios de hostalería, cultura e comercio. E un 50% para as familias monoparentais con menores a cargo
Reclamamos, tamén, a fin do copago no Servizo de Axuda a Domicilio, para fomentar as políticas de coidados
A Marea Atlántica ven de rexistrar dúas emendas para o Pleno Extraordinario de mañá, convocado polo PP para introducir cambios nas Ordenanzas Fiscais do Concello, ante a pasividade do goberno municipal. Desde o noso grupo, e como xa adiantamos o luns, reclamamos unha maior Xustiza Fiscal e recuperaremos as propostas que o PSOE non quixo escoitar en novembro, cando convocou cambios nas ordenanzas fiscais con menos de 24 horas de antelación. As nosas medidas son as seguintes:
Bonificación do 75% nas taxas de auga e lixo para pemes, micropemes e autónomos da hostalería, o comercio e a cultura, os tres sectores máis afectados pola crise. Non se lles pode pedir que sigan pagando coma se nada cando os seus ingresos se están a ver enormemente reducidos debido ás obrigadas medidas sanitarias. As restricións deben ir sempre acompañadas de compensacións, neste e outros eidos.
Os tributos locais, ademais dunha fonte de ingresos para as entidades locais, son un importante instrumento de redistribución da riqueza e de xustiza social, e como tal deben ser empregados no contexto actual de crise. A situación de multitude de pequenas empresas, autónomos e autónomas é crítica e insostible: debacle nos seus balances contables, endebedamento, incerteza de cara ao futuro, liquidación das cargas fiscais e préstamos contraídos anteriormente, axudas e compensacións que se anuncian mais non chegan.
Nos últimos datos, o goberno municipal recoñecía que só se aboaran 107 das 3.728 solicitudes de axuda directa no marco do tan anunciado Plan de Reactivación Económica (PRESCO). Os pequenos negocios avisan: ou as administracións actúan de maneira contundente e rápida, ou moitas axudas chegaranlles a empresas pechadas.
Axudar ás familias monoparentais con fillos e fillas ao cargo: mediante unha rebaixa do 50% nas auga e o lixo. Trátase dun colectivo formado nun 81% por mulleres e que merece toda a atención, con políticas activas para as súas necesidades. Este tipo de unidades familiares, segundo todos os informes, conta cun maior risco de exclusión social, pero tamén con notables dificultades de conciliación da vida familiar e laboral.
Eliminar o copago no Servizo de Axuda a Domicilio. Trátase dun dos acordos asinados para a investidura de Inés Rey, que o PSOE segue a incumprir, pese a que ten a folla de ruta escrita polo goberno da Marea Atlántica e todos os informes necesarios.
O SAD é un servizo fundamental para as familias con persoas maiores e dependentes, e una garantía de que o traballo de coidados non recaia só nas mulleres. Ten unha media de 1.472 usuarias ao ano, que cobren menos do 10% do custo do servizo a través do copago.
Como exemplo, en 2017 o custo do SAD ascendeu a 5.699.833,74 euros, dos que 559.529,74 euros foron achegados polas persoas usuarias. O Concello ten recursos abondo para retirar esta carga do lombo dos fogares coruñeses, desfacendo os recortes da Xunta.
Un debate pendente desde hai meses
O 10 de novembro quixemos tratar esta e outras medidas. Pero o goberno municipal convocou un pleno con cero diálogo, unha proposta falta de ambición, con expedientes inzados de erros e deixando menos de 24 horas á oposición para facer propostas. E cando as fixemos, mudaron a orde do día para non poder debatelas.
Naquel momento só puidemos introducir unha proposta, as bonificacións no ICIO para as obras de eficiencia enerxética en vivendas habituais. E, pese a todo, votamos a favor da maioría das ordenanzas porque a cidade non ten a culpa de que o PSOE goberne a tempo parcial, enredado polas súas liortas internas.