Saltar ao contido

Os comentarios están pechados.

A Marea Atlántica presentou esta mañá no Rexistro Municipal da Coruña unha alternativa de solución ao Ofimático que permitiría evitar os desafiuzamentos en San Vicente de Elviña, que xa deixaron unha familia sen vivenda o pasado 27 de novembro.

A ponte prevista sobre Alfonso Molina, ademais de cara (4 millóns de euros), tecnicamente complexa e pouco útil para o tráfico que xeraría a ocupación do polígono de vivendas do Ofimático, condena este núcleo de poboación á súa desaparición. A Marea Atlántica propón prescindir desa ponte, deixar Elviña fóra do ámbito afectado e mellorar, a cambio, o nó de comunicacións de Matogrande. Sería máis económico e sinxelo, beneficiaría o conxunto da circulación na zona e, sobre todo, evitaría o enorme impacto social en San Vicente de Elviña.

O polígono do Ofimático, lembra a Marea Atlántica na proposta presentada no Concello, adoece de inseguridade xurídica —logo das sentenzas do Tribunal Supremo en 2009 e do Contencioso nº 4 da Coruña este mes—, provoca un enorme impacto social en San Vicente de Elviña e é insustentable, tanto dende o punto de vista económico como dende o punto de vista urbanístico. É gravoso, tanto para a cidadanía implicada como para o Concello da Coruña, e carece de interese público, pois pretende construír 2.400 novas vivendas nunha cidade con máis de 19.000 inmobles baleiros.

A proposta alternativa da Marea Atlántica, no canto de conectar directamente o Ofimático coa arteria de Alfonso Molina, complicando aínda máis a circulación e incrementando a inseguridade, propón comunicar o futuro polígono de vivendas cun nó xa existente en Matogrande que pode ser mellorado. Cun custo notabelmente inferior ao da ponte de Elviña, a ampliación da rotonda de Matogrande —xunto coa reformulación da circulación nesa zona— resolvería as necesidades do Ofimático e melloraría ao mesmo tempo a circulación do conxunto da cidade nun punto tan estratéxico da rede viaria.

Xoán Mosquera, voceiro da Marea por Outro Urbanismo -unha das asembleas temáticas da Marea Atlántica- explicou esta mañá que «por primeira vez na historia do conflito do Ofimático se presenta unha proposta que alivia ao mesmo tempo todas as fontes de tensión, e permite facerlle fronte ademais ao drama dos desafiuzamentos en San Vicente de Elviña».

 

Podes descargar e ler a proposta completa aquí:

Proposta Marea Atlántica para Ofimático 15-12-2014

 

photo_2014-12-15_13-03-45

Proposta alternativa da Marea Atlántica para o Ofimático