A Lei de Benestar Animal que ‘vende’ a Xunta como unha das normas “máis avanzadas do Estado” foi produto da presión e do traballo dos colectivos animalistas, nin se achega aos estándares de Catalunya ou Balears
A recente aprobación da nova Lei de Benestar Animal de Galicia, cos únicos votos do Partido Popular, evidenciou de novo a estrataxema propagandística do executivo de Núñez Feijóo no que se refire ás políticas de coidados e protección dos animais. Alén dos anuncios, non é posible lembrar unha soa medida do goberno autonómico en todos estes anos, agás a retirada das axudas para entidades protectoras no periodo 2010-2017. Este é o verdadeiro apoio a un movemento cidadá.
O articulado que ‘vende’ a Xunta como unha das normas “máis avanzadas do Estado” foi produto da presión e do traballo que os colectivos animalistas desenvolveron durante máis dun ano, coa introdución de medidas como a prohibición do encadeamento continuado de animais, a obriga de contar cun curso de manexo básico para tendas, a fin dos circos con fauna silvestre ou a erradicación do tiro ao pombiño.
Foron tamén as protestas destas organizacións as lograron suavizar as intencións do PP de sancionar por recoller animais abandonados con ata 5.000€ ou a súa alimentación controlada con ata 500. Máis a Lei nin é a ideal nin se achega aos estándares doutros territorios, como as normas de Catalunya ou das Illes Balears, sobradamente máis avanzadas que esta última norma galega.
Unha Xunta que é capaz de non suspender a caza de maneira indefinida nas zonas asoladas por uns lumes que se multiplicaron grazas á falta dunha política forestal e preventiva real, ou que permite que barrios da Coruña, como Novo Mesoiro, poidan estar rodeados por zonas cinexéticas, a pesares das crecentes protestas veciñais. Un goberno autonómico no que a súa Conselleira de Medio Ambiente, presidenta do PP local e candidata in pectore á alcaldía, prefire tirar fotos en refuxios a facilitarlles axudas reais.
Aposta polo benestar animal desde o municipalismo
Dende a chegada ao goberno local, a Marea Atlántica tivo que impulsar unha política municipal animalista dende cero, a partir da herdanza do PP, ben coñecida: Subsidios ás touradas, autorización a circos que explotaban animais, capturas e matanza dos gatos ventureiros dos barrios, pésimas taxas de adopción animal na canceira ubicada en Bens… e unha campaña de sensibilización que unicamente recomendaba “lavarse las manos” despois de tocar a un can.
Dende 2015 apostamos por facer da Coruña unha cidade máis amigable cos animais, suprimindo calquera apoio público a eventos de crueldade, eliminando o emprego de animais na Feira das Marabillas, implementando plans de xestión de colonias felinas nos barrios, desenvolvendo campañas regulares para fomentar a convivencia responsable e promover a adopción como xesto solidario, formando á Patrulla Verde da Policía Local e apoiándonos no tecido animalista para traballar máis e mellores accións.
Agora, reclamamos 200.000 euros da Xunta para novas actuacións, como o financiamento do servizo municipal de recollida e adopción, 40.000 euros para desenvolver campañas de sensibilización, e 100.000 euros para programas de conservación da fauna mariña. Pero a Xunta, mentres, reserva só 319 euros por concello para apoiar as medidas de benestar animal, mentres os carga de competencias. Onde está o apoio económico dese goberno autonómico tan animalista?