Promoveremos as 50 vivendas xa comprometidas, que o PSOE non foi quen de iniciar, e sumaremos 200 máis nas parcelas do Concello mediante a promoción pública e a cesión de dereito de superficie a cooperativas e outras entidades sen ánimo de lucro
Xan Xove: “O problema da vivenda é serio e precisa propostas concretas. Fronte á inacción de Inés Rey e a falta de concreción dos anuncios electorais de Sánchez, nós temos un plan claro”
O candidato da Marea Atlántica á Alcaldía da Coruña, Xan Xove, prometeu hoxe empregar as parcelas residenciais das que o Concello é propietario en Xuxán para dotar a cidade de 250 vivendas en alugueiro a prezos asequibles. “O problema da vivenda é serio e precisa propostas concretas. Fronte á inacción de Inés Rey e a falta de concreción dos anuncios electorais de Sánchez, nós temos un plan claro e realista”, afirma o noso cabeza de lista.
Xan Xove explica que o Concello é propietario de 5 parcelas de uso residencial no antigo Ofimático, que suman 7.705 m2 de solo público, suficientes para a construción de 200 vivendas, máis as 50 que xa estaban previstas coma parte da solución que Xulio Ferreiro lle deu ao desastre do edificio Conde de Fenosa, e que o goberno do PSOE non foi capaz de poñer en marcha a pesar de telo pactado coa Marea Atlántica en decembro de 2021.
Neses terreos, pode empregarse a promoción pública directa, como se está a facer en Marqués de Pontejos —outro proxecto do goberno da Marea Atlántica—, xa que o Concello dispón de recursos para afrontala. Só en 2022 había 2,8 millóns de euros no orzamento, pero Inés Rey e o seu concelleiro de Urbanismo remataron o ano sen investir un céntimo, un erro que non se repetirá cando a Marea Atlántica volva ao goberno.
E xunto coa promoción pública empregarase a cesión de dereito de superficie dos terreos a cooperativas e outras entidades sen ánimo de lucro, iniciativas innovadoras que tamén estaban no acordo de vivenda de 2021 e tamén foron obviadas polo PSOE. Unha parte deste modelo pode servir para poñer en marcha vivendas colaborativas para persoas maiores, favorecendo o envellecemento activo e freando a desigualdade.
En Xuxán tamén existe solo público en varias parcelas de uso dotacional, propiedade tanto do Concello como da Xunta de Galicia, que en virtude da nova Lei de Vivenda poderá recualificarse para a creación de vivenda pública. Estudaremos o xeito de desenvolvelo para facelo desde o goberno local, e negociaremos co executivo autonómico unha vía para facer o mesmo co solo que lle corresponde.
Medidas para que non sexa imposible alugar
Estas medidas pretenden ser unha resposta urxente ao grave problema da vivenda na Coruña, que leva os últimos anos sendo a cidade galega máis cara para alugar. O prezo medio dun alugueiro foi de 595 euros ao mes en marzo, segundo o Observatorio de Vivenda da Xunta, e medrou un 21% en catro anos.
“O que non vale é facer promesas a 32 días das eleccións e logo esquecerse. Desde a Marea Atlántica levamos tempo traballando para denunciar a situación e para ofrecer solucións viables a curto, medio e logo prazo. Porque non queremos que na Coruña sexa imposible alugar”, explica Xove. O impulso ao alugueiro asequible en Xuxán é unha delas, sumada á rehabilitación para mellorar o parque de vivenda actual e mobilizar pisos baleiros, á creación dun banco de vivendas para a mocidade en EMVSA ou á negociación seria e firme coa Sareb para que lle ceda ao Concello as propiedades que xa se pagaron no seu día cos cartos públicos do rescate bancario.
A solución pasa, tamén, pola regulación urxente dos pisos turísticos na Coruña, que xa son máis de 800 e duplican a oferta para alugueiro convencional. “Regulalos é a obriga legal do goberno, é un acordo asinado co a Marea Atlántica e é o que están a pedir todos os sectores, pero lamentablemente non vimos un só paso neste sentido en catro anos. Mesmo a Valedora do Pobo abriu unha investigación, tras unha queixa da Marea Atlántica, e Inés Rey deixou pasar o prazo sen enviarlle a documentación”, resume Xan Xove.