María García: “Inés Rey está a vivir de rendas, limitándose a executar proxectos herdados da Marea, sen ningunha iniciativa propia pola vivenda digna”
Reclamamos unha data de inicio e un calendario para as obras de 50 pisos de promoción pública no barrio de Xuxán
O grupo da Marea Atlántica esíxelle ao goberno de Inés Rey que non renuncie á promoción de vivenda pública na Coruña durante o presente mandato. A nosa voceira, María García, sinala que “a alcaldesa está a vivir de rendas, limitándose a executar os proxectos en Pontejos e Xuxán que herdaron do mandato de Xulio Ferreiro, sen poñer en marcha novas iniciativas que respondan aos problemas de acceso á vivenda”.
García lembra que as políticas de vivenda requiren tempo, e deben prepararse a longo e medio prazo, “pero como sigamos así, o goberno que veña despois do actual so atopará un deserto”. Por iso, instamos ao executivo local a avanzar nas negociacións para crear un Plan Municipal polo Dereito á Vivenda, proposto polo noso grupo. “Non hai que agardar a que a Xunta e o Estado fagan un traballo que levan anos sen facer. Hai que exercer as competencias do Concello e abrir camiño, como fixemos coa Renda Social Municipal ou coa gratuidade das escolas infantís”, explica María Garcia.
Celebramos, en todo caso, a confirmación de que os pisos que se construirán en Xuxán (o antigo Ofimático) irán destinadas ao alugueiro social. É o xusto, xa que esta iniciativa xurde do acordo que permitiu resolver un nos numerosos problemas urbanísticos da etapa de Francisco Vázquez: a reforma ilegal do edificio Conde de Fenosa. En todo caso, pedímoslle ao goberno local que fixe unha data de inicio e un calendario para o avance das obras en Xuxán, que permitirán contar con 50 novos pisos nun edificio de promoción pública.
O dereito a vivenda, ameazado
Os datos son claros, e amosan que o acceso a unha vivenda digna na Coruña faise máis complicado. A nosa cidade foi foi a segunda capital de provincia na que máis aumentou o prezo taxado da vivenda libre no último ano, case un 8%, segundo os datos oficiais do Estado.
Nos alugueiros, a situación é igualmente grave. O prezo medio do aluguer na Coruña medrou un 30% desde 2014, segundo o Observatorio da Vivenda de Galicia do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS).
Na nosa cidade hai unhas 20.000 vivendas baleiras, segundo o INE, que non só atentan contra o dereito á vivenda, tamén son unha fonte de conflitividade nos barrios. O desleixo das administracións é tal que non se pode actuar ontra elas porque nin a Xunta nin o Estado se molestaron e definir a figura xurídica de “vivenda baleira”. A Marea Atlántica subiulles o IBI en 2015, pero segue sen poder aplicarse.
Ante esta situación, o goberno local non ten outra resposta que cruzarse de brazos en canto a promoción de vivenda pública, ou paralizar as axudas á rehabilitación, sen renovarse desde 2018. Non pode ser. Desde a Marea Atlántica faremos valer os nosos votos no Pleno para sacar a Inés Rey do inmobilismo e apostar por políticas municipais de vivenda.