Saltar ao contido

25 medidas urxentes

Descargar as 25 medidas en PDF

 
A Marea Atlántica ten un proxecto para A Coruña: unha cidade democrática, xusta, transparente e sostible. Sabemos o que queremos e como poñelo en práctica. E imos empezar en canto teñamos a confianza da xente, ao día seguinte das eleccións. Estas son as 25 medidas que comezaremos a aplicar o 25 de maio. As máis urxentes, que estarán en marcha cando se cumpran os 100 primeiros días da Marea Atlántica no goberno.
 

1. Auditaremos e renegociaremos a débeda do Concello da Coruña para reducir a súa carga e apostaremos, sempre que sexa posible, pola banca ética.

O Concello da Coruña, que pechou o 2014 cunha débeda de 74,1 millóns, vai pedir este ano un novo préstamo de 12,4 millóns de euros. Para que? Sobre todo para pagar as obras do Parrote-Mariña en terreos que non son seus, senón da Autoridade Portuaria. Aí vai soterrar o goberno de Negreira o 86% destes cartos, 10,6 millóns de euros.

Os cidadáns e as cidadás temos dereito a coñecer en que se gasta cada euro e canto se debe e por que. A Marea, en canto poña un pé no pazo de María Pita, auditará o gasto e a débeda municipal para satisfacer esa demanda da xente e renegociar as condicións do que se debe, na actualidade con marxes e tipos de interese superiores aos do mercado..
 

2. Publicaremos todos os contratos, resolucións e retribucións, tanto no Concello como nas empresas municipais, e garantiremos a presenza da oposición nas mesas de contratación e outros órganos colexiados.

As portas e as ventás de María Pita levan demasiado tempo pechadas. Hai que abrilas de par en par para que corra por fin o aire. Sacudir as alfombras e mover os caixóns. Cando non vemos, instálanse a corrupción e os enchufes. Precisamos un concello de cristal.

Non hai nada que ocultar, e por iso a Marea publicará todas as subvencións e os contratos —incluídos os menores, non como agora— e todos os decretos e resolucións dos órganos municipais, incluídos os unipersoais e os dos cargos directivos. Hoxe nin sequera se fan públicos os da alcaldía.

O exercicio de transparencia ten que estenderse ás empresas municipais, Emalcsa e Emvsa, e ás retribucións dos seus responsables, así como ás fundacións e aos consorcios nos que participa o Concello. E incluír, sen retribución ningunha, a presenza dos grupos da oposición nas mesas de contratación, consellos de administración e outros órganos colexiados.
 

3. Auditaremos e fiscalizaremos as concesións municipais, en especial a de Nostián, e as rescataremos se incumpren as condicións. E poremos a lupa tamén sobre os convenios coa Autoridade Portuaria, sobre todo o das obras da Mariña-Parrote.

A Marea aposta apostará como principio xeral, e sempre que sexa viable, pola xestión directa e eficaz dos servizos públicos, pola súa municipalización. E por iso auditaremos e fiscalizaremos as concesións vixentes, o que fixeron e o que deixaron de facer, o que pagaron e o que deixaron de pagar. E se incumpren gravemente as condicións, rescatarémolas.

O Concello leva soterrados nas obras da Mariña-Parrote un total de 20 millóns de euros nos tres últimos anos, un diñeiro que se transferiu á Autoridade Portuaria, propietaria dos terreos. Fiscalizar o destino destes fondos, revisar o convenio e verificar que as obras se axustan ao planeamento urbanístico e aos informes de Patrimonio é un deber para a Marea.

A planta de Nostián é un dos asuntos de maior transcendencia para o Concello da Coruña, tanto ambiental como económica e xuridicamente. É urxente coñecer a situación ambiental e económica da planta e comprobar se se axusta ou non á concesión e ao contrato antes de tomar as decisións necesarias para que a planta, e con ela o modelo de xestión de residuos, cumpra cos seus obxectivos.
 

4. Activaremos o Consello Social Municipal como órgano fundamental de participación cidadá na vida institucional.

Non hai democracia real sen participación cidadá. E non pode haber participación se as institucións non poñen os medios e a información que precisa a veciñanza para incorporarse á toma de decisións. Está no adn da Marea, e chegou a hora de facelo.

As asociacións —veciñais, culturais, deportivas, etc— e outras entidades colectivas —de defensa animal, cívicas, da mocidade, de mulleres, de LGBT, etc— deben ter voz e voto na toma de decisións. E o Consello Social Municipal, coas súas comisións e áreas de traballo, a nivel sectorial e territorial, debe ser o órgano básico de participación a nivel institucional. Reformar o Regulamento de Participación Cidadá do Concello da Coruña, dotándoo de maiores competencias e, sobre todo, activándoo para que sexa unha verdadeira ferramenta nas mans da xente, é esencial no proxecto de cambio que representa a Marea.
 

5. Abriremos unha quenda de rogos e preguntas da cidadanía nos plenos da corporación para que a cidadanía poida participar directamente.

A Marea quere darlle voz á cidadanía no órgano que expresa a vontade popular, o Pleno da Corporación. Para que as persoas, a nivel individual ou trasladando intereses ou pareceres colectivos, poidan intervir no salón de plenos do pazo de María Pita nas sesións ordinarias, unha vez ao mes, para preguntar ou propoñer actuacións e coa obriga de resposta do goberno municipal, no mesmo pleno ou como máximo nos quince días seguintes.
 

6. Descentralizaremos a xestión municipal, creando xuntas de distrito e abrindo aos barrios os orzamentos participativos.

A Coruña é unha cidade plural e diversa. Ten barrios e parroquias, distintos espazos de convivencia, con preocupacións comúns pero tamén coas súas singularidades e diferenzas. Descentralizar a xestión municipal é fundamental, tanto para facilitar a participación cidadá, achegando a institución á xente, como para mellor atender a diversidade.

Esta descentralización debe poñer en funcionamento os distritos da cidade, creando unha estrutura que responda ao que A Coruña é: unha cidade de barrios. E dándolle voz e voto na planificación, programación e toma de decisións ás xuntas de distrito como órganos básicos de participación cidadá e corresponsabilidade no goberno.

Os orzamentos municipais teñen este ano 252 millóns de euros, unha cantidade que non pode ser administrada unicamente polos concelleiros e as concelleiras que integran a corporación. E non abonda tampouco co trámite da exposición ao público dos presupostos de cada ano. É preciso que na súa elaboración se escoiten as demandas da cidadanía. Que a xente poida decidir sobre as cuestións que lle afectan.
 

7. Rebaixaremos os salarios do goberno municipal e o número de asesores e cargos directivos, co que reduciremos ao 50% o seu custo, liberando fondos para políticas sociais.

As retribucións do goberno, o excesivo número de concelleiros e concelleiras en réxime de dedicación exclusiva ou parcial, así como o persoal de confianza e cargos directivos, supoñen non só un elevado custo económico difícil de xustificar para as arcas públicas, senón tamén un síntoma de indiferenza ante a situación na que viven moitas persoas e familias ao noso arredor. Nunha cidade con 22.000 desempregados, o alcalde non pode cobrar, como Carlos Negreira, 65.000 euros ao ano.

Reducir as retribucións dos cargos políticos, incluído o alcalde, ata un máximo de 40.000 euros brutos anuais, e limitar o número de dedicacións, asesores e cargos directivos, vai supoñer un aforro anual do 50% do custo actual, o que supón un millón de euros. Catro millóns de euros ao longo do mandato que poderemos destinar a programas sociais.
 

8. Publicaremos anualmente as declaración de bens, intereses, IRPF e patrimonio dos cargos do goberno e renunciaremos a calquera privilexio, a comezar polo uso inxustificado dos vehículos oficiais.

A honestidade dun cargo público e a transparencia no exercicio das súas responsabilidades non se negocian. Son principios básicos para a democracia que a Marea aplicará no seu día a día no Concello da Coruña. Os nosos representantes, como xa fixo Xulio Ferreiro, o noso candidato á alcaldía, publicarán anualmente os seus patrimonios e as súas declaracións da renda e renunciarán a calquera privilexio derivado das súas funcións. Predicando co exemplo. Practicando e cumprindo o prometido.
 

9. Negarémonos a colaborar en calquera desafiuzamento e cancelaremos os saldos municipais en entidades financeiras que boten á xente da súa casa.

A vivenda é un dereito, non un negocio. Na Marea cremos que é imprescindible desenvolver políticas que garantan un teito e unha vida digna para todas as persoas. E ningunha medida está de máis cando se trata de acabar cos desafiuzamentos. O Concello da Coruña non aportará medios de ningunha clase na execución dun desafiuzamento. Ben ao contrario, porá ao servizo de cada cidadán e cada cidadá os recursos dos que dispón para evitar a perda da súa vivenda: servizo xurídico, atención en Servizos Sociais, etc. Ao mesmo tempo, actuará contra as entidades financeiras que executen desafiuzamentos.
 

10. Aprobaremos un Plan Municipal de Emprego.

Nun concello con 22.030 persoas desempregadas, das cales o 53,4% son mulleres, a loita polo emprego debe ser a prioridade do goberno municipal. Prioridade que nunca foi tal para Carlos Negreira, que só executou no 2014 a terceira parte, o 33,6%, do orzamento que tiña previsto para actuacións e programas de fomento de emprego.

Os programas de emprego deben sistematizarse e integrarse nun Plan Municipal de Emprego, tendo en conta a necesaria coordinación coa Xunta de Galicia e coa debida interlocución e participación dos axentes sociais a través dos mecanismos de participación (Consello Social). Un plan que contemple a reorganización do Centro Municipal de Emprego, fortalecendo a formación do seu persoal e introducindo e creando plans de acción que favorezan a incorporación ao mercado de traballo dos diferentes colectivos, atendendo ás súas necesidades e oportunidades reais na Coruña e na súa contorna.

Un plan que teña a necesaria transversalidade en relación coa inclusión social e colectivos en risco de exclusión social definidos pola situación actual (mulleres, mocidade, maiores de 45, persoas con diversidade funcional, inmigrantes, comunidade LGBT, etc). Un plan que o sexa tamén de formación, prioritariamente certificada, apostando pola asociada á innovación tecnolóxica (I+D+i) e aos novos xacementos de emprego.
 

11. Desenvolveremos medidas de fomento da actividade do comercio de proximidade e da pequena e mediana empresa, en especial a través do apoio á economía social.

O PSOE e o PP apostaron polas grandes superficies comerciais —cos pelotazos urbanísticos correspondentes—, a deslocalización do comercio cara á periferia da cidade e a liberalización dos horarios. Isto, sumado á ausencia dunha estratexia de apoio ao comercio de proximidade, determinou a crise estrutural que atravesa o sector. É preciso potenciar desde o goberno local estratexias colaborativas e innovadoras entre os e as comerciantes, apoiando a creación dunha rede de empresas provedoras galegas para innovar no catálogo e apoiar os produtos da contorna, xunto a políticas fiscais e administrativas de apoio.

Para a Marea, a pequena e mediana empresa é a base fundamental para a creación de emprego estable e de calidade na cidade. Por iso propoñemos que dende o Concello se promovan novos xeitos de emprendemento e que se manteña ese apoio durante os primeiros tempos de andanza das empresas de nova creación, incluíndo medidas tributarias. Ademais, promoverase a creación de empresas que teñan unha liña non só innovadora, senón tamén sostible e que promocione os valores sociais —cooperacion, solidariedade, sustentabilidade, igualdade—, apoiando ás empresas de nova creacion que se baseen nestes valores e, polo tanto dando prioridade á formacion de cooperativas e empresas de economía social.
 

12. Crearemos unha Renda Social Municipal, cun fondo de 3 millóns de euros, para garantir a cobertura das necesidades básicas das persoas en situación de exclusión ou pobreza.

Nunha cidade cunha taxa de risco de pobreza do 13%, tras un incremento do 70% no período 2007-2012, o maior dos sete grandes concellos galegos, e onde hai 22.030 persoas desempregadas, a metade sen cobertura de prestación, un concello cun orzamento de 252 millóns de euros pode e debe atender a demanda dunha Renda Social Municipal que garanta o acceso aos recursos básicos —aluguer de vivenda ou pago de hipoteca, subministros de auga e electricidade— e a un mínimo de subsistencia en condicións dignas.

Unha Renda Social Municipal cunha dotación anual inicial de 3 millóns de euros que aporte unha renda complementaria —entre 400 e 720 euros como máximo por unidade familiar, en función dos seus ingresos e as súas cargas familiares— para aquelas persoas que non teñan os requisitos para poder acceder á Risga.
 

13. Incrementaremos os recursos e o persoal dos Centros de Información á Muller, a Casa de Acollida e os Centros de Orientación Familiar e crearemos un Observatorio Municipal dePolíticas de Igualdade e Violencia de Xénero.

Sen as mulleres, non hai cambio posible. Na Marea vemos no compromiso coa igualdade de mulleres e homes un valor central da nova política, e por iso impulsaremos os plans de igualdade como procesos dinámicos e participativos encamiñados ao cambio social, dotando á institución dos recursos necesarios para que este compromiso sexa efectivo.

É imprescindible que as políticas de igualdade de xénero do Concello da Coruña conten cun maior orzamento para así garantir xustiza social para o conxunto da cidadanía. Propostas como a creación dun Observatorio Municipal de Xénero, o reforzamento dos recursos humanos e materiais destinados á atención ás mulleres vítimas de violencia de xénero a través da Casa de Acollida, o Centro de Información ás Mulleres (CIM) e o Centro de Orientación Familiar (COF), así como a elaboración participativa dun Plan Municipal para o Colectivo de persoas lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais (LGTBI) de carácter interanual, son propostas que contribúen a construír unha cidade máis plural e onde se garanta realmente a igualdade de dereitos como fundamento principal da democracia.
 

14. Aprobación dun plan director municipal para a erradicación dos asentamentos precarios mediante unha política integral.

O dereito á vivenda non é soamente o dereito a un teito. É o dereito á veciñanza, a un lugar de residencia, benestar e sociabilidade. Un espazo no que vivir. E por iso para a Marea é prioritario darlle solución aos asentamentos precarios da cidade.

A Marea aposta pola elaboración e posta en marcha dun plan de acceso a un hábitat digno e á integración social, cun enfoque integral e coordinado, non só entre as distintas áreas administrativas do Concello —urbanismo, vivenda, emprego, educación, saúde— senón tamén cos municipios da área metropolitana, e adaptado a cada un dos asentamentos e ás súas diversas necesidades (APasaxe, As Rañas, O Campanario).
 

15. Aplicaremos unha tributación progresiva e máis xusta: rebaixa da taxa da auga para axustala a o custo real do servizo, máis bonificacións no IBI para familias numerosas e vivendas protexidas, recargo para os inmobles baleiros en mans dos bancos e medidas de estímulo á creación do emprego e a sostibilidade medioambiental.

Nos orzamentos deste ano, o Concello prevé recadar case 159 millóns de impostos, taxas e prezos públicos, ingresos aos que habería que engadir a recadación de Emalcsa polo servizo de auga e saneamento, case 24 millóns de euros máis. En total, o 63% do orzamento municipal procede da tributación municipal.

As competencias municipais en materia de tributos son limitadas, pero suficientes para que a Marea se comprometa a unha política fiscal e tributaria progresiva e socialmente xusta, modificando para iso as ordenanzas fiscais. Non se pode consentir que Emalcsa siga a obter substanciais beneficios a cambio de cobrar a auga e o saneamento por riba do seu custo.

A Marea aplicará medidas fiscais xustas para reducir de inmediato a taxa de abastecemento de auga, incrementar no IBI as bonificacións ás familias numerosas e vivenda protexida, aplicarlle recargos ás vivendas baleiras das entidades financeiras e o chamado banco malo (Sareb) e potenciar a actividade económica e o emprendemento modificando a ordenanza do imposto de construcións (ICIO) e as licenzas e aperturas. Para contribuír á mellora do medio ambiente, reaxustaremos tamén as cotas do imposto de vehículos (IVTM).
 

16. Modificaremos os criterios de contratación pública, priorizando os procesos abertos, debidamente publicitados e que inclúan cláusulas sociais e medioambientais, para favorecer a creación de emprego, a súa estabilidade e a incorporación das mulleres ao mercadolaboral.

No ano 2013, segundo os últimos datos dispoñibles, o 44% dos contratos adxudicáronse no Concello da Coruña polo procedemento negociado sen publicidade, o que na práctica supón que case a metade dos contratos adxudicounos discrecionalmente o goberno, ás empresas amigas. A Marea apostará prioritariamente polo procedemento aberto, publicitado, para que todas as empresas teñan os mesmos dereitos e condicións de acceso a un contrato público. Igualdade, publicidade e transparencia na contratación pública, necesario e evidente.

Nun mercado laboral presidido pola precariedade e a discriminación de xénero, é necesario incluír nos baremos de adxudicación criterios que favorezan o emprego estable e de calidade, corrector da desigualdade de xénero. E tamén valorando polo respecto medio ambiental e outras cláusulas sociais.
 

17. Cumpriremos a Lei de Memoria Histórica no rueiro da Coruña.

Xa está ben. Nin un minuto máis con nomes de rúas e espazos públicos dedicados a persoas ou feitos asociados á ditadura franquista. Para cumprir coa lei da memoria histórica e para reparar de inmediato a dor acumulada das vítimas e das súas familias.

A Marea fará efectiva dunha vez a Lei de Memoria Histórica na nosa cidade e desaparecerán para sempre do rueiro municipal nomes que xa hai anos que non deberían estar aí.
 

18. Revitalizaremos a Rede Municipal de Bibliotecas, Centros CívicoseProgramas Educativos, incrementando o seu orzamento e multiplicando as súas actividades.

Para a Marea, a cultura é un eixo vertebrador plenamente integrado na súa idea de construción da Coruña como unha cidade inclusiva, participada e crítica. A cultura entendida como un dereito e como unha práctica transformadora, que fai posible o imposible.

Para acadar esta misión queremos e temos a obriga de sacar proveito de infraestruturas e equipamentos, como bibliotecas ou centros cívicos, e de establecer mecanismos que posibiliten a participación da cidadanía e a súa auto-organización para desenvolver proxectos, vinculando así a programación cultural coas propostas da xente, das creadoras e xestoras locais e tamén dos públicos.
 

19. Instaremos á Xunta de Galicia a abrir oscentros educativos fóra do horario lectivo para que a cidadanía poida facer un uso responsable das instalacións públicas.

Os centros educativos públicos e as súas instalacións teñen unha función básica: a formación de calidade nas diferentes etapas, dende a infantil ata a secundaria. O destino das instalacións a estes obxectivos é, xa que logo, prioritaria. Pero fóra do horario lectivo, e más alá das actividades extraescolares ou complementarias, os centros escolares e as súas instalacións —tanto cubertas como descubertas— poden e deben estar ao dispor da cidadanía para o desenvolvemento de actividades organizadas polo propio Concello ou por outras entidades asociativas, veciñais, culturais, deportivas, etc.

É preciso un convenio coa Consellería de Educación —coa participación e intervención da comunidade educativa— que permita o uso das instalacións escolares, unha demanda cidadá amplamente solicitada que será atendida polo goberno da Marea.
 

20. Revisaremos e modificaremos o planeamento urbanístico municipal.

Incoación deexpediente de modificación puntual do PXOM; incoación de expediente de modificación do PEPRI, apostando pola rehabilitación e rexeneración urbanas e a posta en valor do patrimonio construído, incrementando as dotacións públicas e reordenando os espazos públicos, así como a mobilización do stock de vivendas baleiras; incoación de expediente de modificación dos instrumentos de planeamento e xestión do Ofimático, cunha redelimitación do sector e dos seus accesos, paralizando os procesos de desafiuzamento.

O actual Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), aprobado definitivamente no 2013, está orientado a un modelo urbano herdeiro e completamente dependente do crecemento e a expansión da economía do ladrillo. Velaí, por exemplo, as 25.000 novas vivendas que prevé en doce anos ou o disparatado crecemento da poboación co que se avala: 64.500 habitantes no mesmo periodo. A situación económica actual, ben ao contrario, pon sobre a mesa unhas necesidades e unha programación moi diferentes ás previstas. Máis aínda nunha cidade onde hai algo máis de 19.000 vivendas baleiras.

A primeira medida que se adoptará con respecto ao PXOM é a modificación puntual no ámbito portuario —apostando polo uso público dotacional—, no Parque Ofimático —reordenando o ámbito e o sistema de accesos—, no Parque da Torre de Hércules —impedindo novos volumes edificatorios e mellorando o contorno de protección da torre—, no Museo do Automóbil no parque de Bens —evitando a ubicación proposta e procurando unha alternativa— e no que se refire á paralización dos novos desenvolvementos urbanísticos polo sistema de cooperación ou expropiación, non así nos de compensación.

Xa implementadas e en funcionamento as ferramentas de participación cidadá no Concello, a Marea poderá iniciar a necesaria revisión do PXOM que marque o xeito, o ritmo e a administración de recursos que necesita a transformación da cidade.

Con respecto ao PEPRI, o plan aprobado facilita a extracción e privatización das rendas que produce a renovación urbana; acentúa a elitización e a expulsión de capas sociais nunha comunidade; autoriza alteracións da estrutura do gran miúdo do tecido urbano e non contribúe á necesaria renovación e rehabilitación urbanas e á dotación de espazos públicos de calidade (aparcadoiros públicos e gratuítos, por exemplo), razóns polas que a Marea considera necesaria tamén a súa modificación puntual.
 

21. Revisaremos de oficio os acordos municipais de alleamento do aproveitamento urbanístico do Plan Parcial de Someso.

O polígono de Someso é paradigmático da política urbanística ao servizo da especulación, o pelotazo e os grandes promotores. Amosa as consecuencias das nefastas políticas de crecemento urbanístico insostible que herdamos do pasado, co agravante dun acreditado dano patrimonial ao Concello, estimado polos propios servizos municipais en algo máis de 19 millóns de euros. Un dano patrimonial causado, basicamente, pola venda ilegal do aproveitamento municipal nos anos 2004 e 2005.

A revisión de oficio destes acordos é necesaria, tanto para reparar o dano causado como para posteriormente, e no seu caso, esixir as responsabilidades administrativas, civís e mesmo penais que sexa preciso esixir.
 

22. Reordenaremos a fachada marítima do sistema xeral portuario, apostando polo uso público dotacional e de sistema libre dos terreos desafectados, impedindo a súa especulación e revisando os convenios do 2004.

A proposta de ordenación da fachada marítima portuaria pactada nos convenios do 2004, e parcialmente modificada no PXOM aprobado no 2013, afecta a 441.500 metros cadrados de superficie e supón unha masiva apropiación privada dun espazo público —actualmente, dominio público portuario— e a posta no mercado de nova oferta residencial e terciaria nunha cidade que padece unha altísima porcentaxe de vivenda desocupada e un gran volume de superficie comercial. E todo, con volumes de edificación previstos de ata 9 ou 10 andares de altura, uns auténticos monstros de cemento nunha zona de especial sensibilidade no que respecto ao impacto visual.

Para a Marea, é necesario revisar os convenios de 2004 —e con eles, o financiamento do porto exterior—, así como a ordenación urbanística dos terreos a desafectar, debendo ser destinados a uso público dotacional público. E non dubidaremos en aprobar medidas efectivas —entre elas, a suspensión cautelar de licenzas, de desafectarse os terreos— en defensa do interese xeral. O que foi e é dominio público debe seguir séndoo. Xa está ben de que Autoridade Portuaria faga caixa a conta da cidadanía coruñesa.
 

23. Prohibiremos que se cedan recursos municipais para eventos que supoñan maltrato animal.

Nin un euro do Concello, nin un metro cadrado de bens municipais, para o maltrato animal. O goberno da Marea non será cómplice de eventos como as touradas, baseados no maltrato a un ser vivo. Aquí acaba a vergoña de que unha institución que representa ao conxunto da cidadanía coruñesa lle preste apoio económico ou recursos de todo, como o Coliseo, ao maltrato animal.
 

24. Eliminaremos os puntos de vertido na ría do Burgo, fomentando a súa recuperación e valorización económica e medioambiental.

A ría do Burgo é un espazo natural gravemente degradado debido, sobre todo, á contaminación por residuos tóxicos, metais pesados e augas residuais. O principal obxectivo da Marea neste ámbito debe ser a rexeneración da ría, favorecendo a recuperación do ecosistema, a calidade dos bancos marisqueiros e potenciando os usos lúdicorecreativos. Obxectivo que, no relativo ao dragado previsto dos lodos, debe ter en conta as observacións e cautelas expresadas dende os grupos ecoloxistas e o CSIC.

A Marea considera prioritario instar á execución dun plan de rexeneración para a valorización medioambiental e económica da ría, que consista fundamentalmente en eliminar as ameazas e focos de contaminación que aínda persisten —caso dos hidrocarburos, os vertidos nas zonas de Oza e As Xubias—, algúns deles de competencia municipal, e promover a rexeneración natural do ecosistema.
 

25. Combateremos o cambio climático promovendo a eficiencia e o aforro enerxético, a mobilidade peonil e en bicicleta e a reordenación e ampliación das liñas de transporte urbano. Executaremos un plan de mellora ambiental de parques e espazos públicos, con especial atención á accesibilidade. E paralización de maneira inmediata as talas de arboredo para repoñelo e amplialo.

As políticas medioambientais son intervencións que se deben aplicar transversalmente, en áreas como o urbanismo e a ordenación territorial, a enerxía, a mobilidade ou a participación. A integración da protección do medio ambiente en todas as políticas e programas municipais é básico para a Marea. A Coruña, no seu proceso urbanizador, afástase cada vez máis do entorno natural debido ás políticas que levan á substitución das zonas verdes por espazos artificiais e inertes —con reiteradas e incontroladas talas de arboredo—, diminuíndo a biodiversidade.

A Marea defende medidas de aforro e a eficiencia nos máis diversos eidos da vida na cidade e da xestión municipal, e aposta decididamente polas enerxías renovables, limpas e descentralizadas, executando medidas activas e reais contra do cambio climático. Ás necesarias auditorías de consumo, coa conseguinte implantación de medidas técnicas de aforro, cómpre sumarlle novos conceptos de mobilidade e de ordenación do territorio que favorezan a redución dos desprazamentos en coche, priorizando o transporte público —reordenando as liñas e fixando novas tarifas, con novas bonificacións e tarifa plana por anticipado—. Asumimos o compromiso de emprender unha transición cara a un novo modelo de cidade que introduza o aforro e a eficiencia enerxética no conxunto das políticas municipais.

Os comentarios están pechados.