Saltar ao contido

A Marea Atlántica recibiu máis de 200 propostas da cidadanía na ferramenta telemática de participación no Programa Electoral  

 O candidato á alcaldía da Coruña , Xulio Ferreiro, destaca que “estas cifras reflicten a ilusión que o proceso aberto e de cambio que representa a Marea está a provocar na xente, que comeza practicar desde xa a fonda democratización que precisa o Concello”

 

“Un éxito e canto a cifras e ideas e tamén unha demostración da enorme creatividade e capacidade política da cidadanía cando se lle chama a participar, non a ser simple espectadora das decisións dunha elite afastada das súas necesidades”. Así cualificou o candidato da Marea Atlántica á alcaldía da Coruña, Xulio Ferreiro, o resultado obtido pola ferramenta dixital que a plataforma cidadá abriu para recibir achegas da cidadanía de cara á confección do Programa electoral participativo co que se presentará ás eleccións municipais do 24 de maio. Un total de 201 foron as propostas recibidas nos apenas oito días (do 25 de marzo ao 2 de abril) nos que estivo en marcha o espazo telemático aberto para este fin (programa.mareatlantica.org), achegas que se xuntaron coas 16 incorporadas desde a propia Marea, o que se traduce en 217 propostas que foron estudadas, debatidas e mesmo votadas polas usuarias da ferramenta, e que se suman ás moitas que xurdiron das distintas mareas que tiveron lugar nos últimos nove meses así como nas xornadas sobre Programa Participativo que tiveron lugar a mediados de marzo.

Todo este caudal de participación popular cristalizará no Programa Electoral que a Marea Atlántica presentará de forma pública o próximo 14 de abril. Estará dividido en cinco apartados, segundo os obxectivos: “Radicalización Democrática; Xustiza e Cohesión Social; Modelo Territorial e Urbano; Cultura, Memoria e Identidades e Modelo Económico e Enerxético”. E, como apunta Xulio Ferreiro, estará baseado nos principios básicos da Marea, “como a xustiza social igualitaria, a sustentabilidade, a participación cidadá e a transparencia, así como a defensa do laicismo, o feminismo e a transmisión do legado e a memoria”.

O cabeza de lista da Marea destacou, respecto á alta participación rexistrada pola ferramenta dixital do programa participativo, que “estas cifras reflicten a ilusión que o proceso aberto e de cambio que representa a Marea está a provocar na cidadanía, que con fórmulas como esta comeza a practicar desde xa a fonda democratización que precisa o Concello”.

Entre as propostas máis valoradas polas usuarias da ferramenta dixital -que segue aberta á consulta en programa.mareatlantica.org– están a favorable a “unha Coruña sen maltrato animal”, así como a de convertela nunha “cidade libre de desafiuzamentos”. “Erradicar a pobreza alimentaria nos menores”, a “promoción e defensa do dereito a vivenda” ou o “apoio ás hortas urbanas autoxestionadas nos barrios” foron outras das achegas máis apoiadas das 217 que a cidadanía presentou para a confección do Programa co que a Marea Atlántica se presentará aos comicios do 24 de maio, e que incluirá outras medidas de participación popular, algunhas xa anunciadas, como a descentralización da xestión municipal efectiva a través das Xuntas de Barrio ou Distrito -que mesmo poderán decidir o destino dalgunhas partidas orzamentarias- así como a apertura obrigatoria dunha quenda de rogos e preguntas da cidadanía nos Plenos.

Programa participativo: mostra da democratización