Saltar ao contido

Programa

Descargar o Programa en PDF

O programa electoral da Marea Atlántica consta de 99 propostas. 99 propostas para o 99%, todas realizables, lonxe desa vella práctica política de facer promesas en campaña que logo non se poden cumprir.

Son propostas para un modelo de cidade centrado nas persoas e non no cemento, baseado na transparencia e na participación da veciñanza. Unhas propostas que nos permiutan construir entre todas as persoas que vivimos na cidade unha nova Coruña, sen exclusións e sen corruptelas.

Este programa nace do traballo feito polas distintas Mareas, polas xornadas abertas para a súa confección ou das demandas que nos chegaron da cidadanía mediante distintas ferramentas, como a Plataforma Dixital do Programa Participativo.

O programa electoral da Marea Atlántica está dividido en cinco áreas:

Radicalidade democrática

  1. Redución dun 50% no custo do goberno municipal e limitación salarial de 40.000 euros brutos ao ano para cargos electos, cargos directivos e persoal de confianza.
  2. Transparencia total. Publicación da información do Concello de xeito continuo: contas, axendas, concursos, axudas, contratos…
  3. Implantación dos orzamentos participativos e participación cidadá na formulación e control dos orzamentos.
  4. Descentralización administrativa e participativa en distritos barriais e activación do Consello Social da Cidade.
  5. Establecemento dun sistema de referendos veciñais para cuestións de especial transcendencia. Modificación do Regulamento Orgánico Municipal, facilitando a participación directa dos veciños nos plenos.
  6. Límite de dous mandatos (8 anos) para os representantes da Marea.
  7. Auditoría e fiscalización de todas as concesións municipais.
  8. Creación dunha Plataforma Dixital de Participación Cidadá.
  9. Instituír mecanismos revogatorios, que permitan a expulsión de concelleiros/as da Marea por incumprimento do programa ou por imputación motivada.
  10. Fin das políticas de seguridade cidadá que vulneren a liberdade de expresión, os dereitos de asociación, de manifestación e de protesta.
  11. Fin da privatización dos sistemas de emerxencias e posta en marcha dun sistema de coordinación intramunicipal.
  12. Respectar a laicidade da institución municipal, de acordo ao principio de neutralidade relixiosa.

Modelo territorial e urbano

  1. Paralización dos desafiuzamentos de responsabilidade municipal e procura de solucións e alternativas para o resto.
  2. Revisión do PXOM e modificación puntual do mesmo (Ofimático, Parque da Torre de Hércules, Museo do Automóbil no parque de Bens…).
  3. Elaboración dun plan de fomento do dereito á vivenda e fomento da vivenda pública, a través da EMVSA.
  4. Darlle solución aos asentamentos precarios da cidade cun plan de integración integral: vivenda, emprego, educación, saúde…
  5. Protección do Parque de Bens como espazo verde de uso público, impedindo a construción do Museo do Automobil, estudando outra localización alternativa.
  6. Aumento dun 50% dos cargos do IBI ás vivendas baleiras propiedade do FROB-Sareb e entidades financeiras.
  7. Promover a recuperación para uso público do antigo cárcere provincial.
  8. Modificación da ordenación urbanística do sistema xeral portuario.
  9. Auditoría da plataforma Smart City.
  10. Apertura efectiva do Parque do Observatorio da Agra do Orzán.
  11. Revisión de oficio dos acordos municipais de enaxenación do aproveitamento municipal de Someso e, no seu caso, esixencia das responsabilidades administrativas, civís e mesmo penais que procedan.
  12. Reformulación do plan especial para a protección da contorna da Torre de Hércules.
  13. Creación dun programa de apoio ás hortas urbanas autoxestionadas.
  14. Auditoria da planta de Nostián, mellora da recollida selectiva e redución en orixe dos residuos.
  15. Naturalización urbana e conservación da biodiversidade coa conservación de espazos naturais e zonas verdes e creación de novas áreas naturalizadas nos barrios.
  16. Rexeneración da Ría do Burgo erradicando verteduras e ameazas e facilitando a rexeneracion natural do ecosistema.
  17. Educación e participación ambiental sobre os temas prioritarios: residuos, zonas verdes e espazos naturais, mobilidade, eficiencia enerxética, consumo…
  18. A Coruña libre de maltrato animal. Supresión de calquera apoio municipal a eventos nos que se maltraten animais.
  19. Creación dun Centro Municipal de Protección Animal. Aposta progresiva e sostible cara un modelo de xestión con criterio de sacrificio cero.
  20. Reordenación mapa de rutas de autobús urbano, priorizacion do paso mediante plataforma reservada en vías principais e mellora na accesibilidade en paradas. Paradas intercambiador urbano/interurbano en San Diego, Avenida de Alfonso Molina e Rolda de Outeiro.
  21. Fiscalización da concesión da Compañía de Tranvías, acompañada dunha revisión das tarifas: implantación tarifa plana anticipada e bonificacións por famillia numerosa.
  22. Posta en marcha e sinalización de roteiros prioritarios para peóns e bicicletas facendo uso do carril-bici en vías principais e por calzada en vías de zonas 30 ou 20 km/h. Remate prioritario da conexión cidade-Universidade.
  23. Deseño e implantación dunha rede eficiente de aparcadoiros disuasorios públicos e gratuítos conectados co transporte público urbano/interurbano consensuados con concellos da área metropolitana.
  24. Análise do estado da concesión do servizo de ORA e, dependendo da situación da licitación do contrato, valorar a súa remunicipalización.

Xustiza e cohesión social

  1. Creación dunha Renda Social Municipal para completar os ingresos das persoas máis necesitadas.
  2. Rebaixa na taxas da auga.
  3. Erradicar a pobreza alimentaria das/dos menores utilizando a rede de centros escolares da cidade.
  4. Promoción dun Plan Integral de Coidados que abordará a situación das persoas con diversidade funcional e/ou situación de dependencia. Aumento da cobertura do SAD.
  5. Erradicación da pobreza enerxética.
  6. Creación dun Plan Local de Inclusión Social que articule de manera eficaz a acción pública municipal en materia de políticas sociais.
  7. Creación dun Observatorio Municipal de Igualdade de Xénero.
  8. Reforzar de medios e persoal os Centros de Orientación Familiar e a Casa de Acollida.
  9. Garantir o funcionamento da Oficina Municipal de Apoio á Migración.
  10. Estudo e auditoría da accesibilidade dos centros municipais e erradicación dos obstáculos.
  11. Implementación dunha Mesa de Diálogo Civil que xestione a relación entre a Administración Local, os axentes do terceiro sector e os diferentes recursos sociais.
  12. Implementación de programas de reforzo educativo para diminuír o fracaso escolar e apertura dos centros educativos fóra do horario escolar para realizar tarefas de tipo educativo, social e cultural.
  13. Posta en marcha de programas participativos de educación para a saúde para o conxunto da cidadanía, con especial énfase naqueles colectivos máis vulnerábeis. Introducirase a figura dos/as mediadoras/es da diversidade (cultural, funcional e sexual) nos centros de saúde.
  14. Adaptación das axudas ás necesidades da mocidade.
  15. Implementacion dunha Extratexia Local de Inclusión Laboral para os Colectivos en Risco de Exclusión

Modelo económico e enerxético

  1. Economia para as persoas: integración de criterios sociais, ambientais e de calidade de vida na economía e política fiscal e tributaria progresiva e socialmente xusta.
  2. Atendendo á promoción da diversificación da actividade económica, reorientar o modelo produtivo e facelo máis xusto ambiental e socialmente e axustar polo tanto tamén os itinerarios persoais de inserción das persoas usuarias a este novo enfoque.
  3. Promoción do comercio de proximidade fronte ao modelo de grandes centros comerciais, mediante medidas de fomento e consolidación de comercio local. Potenciar estratexias colaborativas entre os/as comerciantes/as.
  4. Promoción dos mercados municipais, remunicipalición da súa xestión e revisión da actual ordenanza de funcionamento.
  5. Declaración, no caso de aprobarse, de concello insubmiso e oposto á aplicación do Tratado Transatlántico de Comercio e Inversión (TTIP).
  6. Fomento dun mercado de produtos de primeira necesidade, ecolóxicos e artesanais para fomentar a soberanía alimentaria do concello e da bisbarra, acompañado de medidas de educación e sensibilización entre a cidadanía.
  7. Elaboración dun plan municipal de fomento do I+D+i.
  8. Crecemento e ampliación de mercados: análise do tecido empresarial da Coruña e bisbarra de cara á detección das oportunidades comerciais existentes nos mercados españois e estranxeiros.
  9. Reformulación do Centro Municipal de Emprego: formación e reciclaxe permanente do persoal técnico municipal e dos proxectos en materias de innovación empresarial, consolidación, cooperativismo e para a aplicación de IPIs e formación de persoas desempregadas.
  10. Ampliación de servizos de atención á conciliación e á mellora de vida das persoas (atención á dependencia, escolas infantís, bancos de tempo, canguraxe municipal ben planificada e con acceso universal aos servizos) para favorecer o acceso ao emprego ao tempo que neses servizos a creación de postos de traballo.
  11. Realización de estudos de prospección que actualicen os verdadeiros xacementos de emprego que se xeran a curto, medio e longo prazo no concello e a contorna, incorporando os criterios de xustiza social e ambiental que se promoverán.
  12. Programa de formación e creación directa de emprego sostible en cinco áreas: prevención e xestión sostible de residuos, apoio do pequeno comercio e a hostalería, atención a persoas dependentes, cooperativismo, rehabilitación enerxética de edificios.
  13. Plan municipal de emprego: impartir formación en competencias clave dos diferentes niveis para favorecer o acceso ás persoas que non teñan formación aos certificados que as habiliten para acceder á formación con certificados de profesionalidade. Aumentar preferentemente a formación nas áreas nas que se requiran estes certificados de profesionalidade.
  14. Plan de emprego xuvenil: acceso aos fondos europeos da Estratexia 2020 ou outras fontes de financiamento, de modo que se favoreza o tránsito á formacion e emprego da mocidade, facendo énfase nas áreas nas que se detectan xacementos reais de emprego e incorporando os criterios sociais e de innovación definidos ao longo do programa.
  15. Mellora na promoción municipal do turismo, con especial posta en valor do patrimonio e tendo en conta a poboación local como beneficiaria e usuaria dos plans turísticos.
  16. Diversificación dos recursos turísticos.
  17. Novas rutas turísticas que incorporen barrios e mercados municipais, promocionando un modo de consumo que favoreza o local. Rutas históricas.
  18. Renovación do Programa de Festas, potenciando actividades con potencial de captación de visitantes. Facer das festas unha xestión por parte de colectivos e asociacións, intervindo na súa programación colectivamente.
  19. Integración das políticas de eficiencia enerxética en todas as áreas de xestión municipal, incluídos os eventos e as festas. Medidas técnicas de aforro enerxético en edificios municipais xa auditados. Auditorías para a rehabilitación enerxética en comunidades veciñais, especialmente aquelas situadas en barrios de maior antigüidade.
  20. Recoñecemento das situacións de pobreza enerxética. Medidas de apoio e fondo municipal para situacións de impago xustificado.
  21. Revisión e revitalización da Estratexia contra o Cambio Climático da Coruña e dotación de recursos á Oficina Contra o Cambio Climático.
  22. Adquirir unha porcentaxe crecente de enerxía de fontes renovables, con especial interese nas de orixe cooperativista.
  23. Información pública e accesible. Publicitar o consumo enerxético da cidade nos seguintes ámbitos: transporte, iluminación nocturna e infraestructuras municipais.
  24. Colaboración coas empresas no fomento, asesoramento e apoio á eficiencia e aforro enerxético, ao emprego de enerxías renovables, nos polígonos industriais da cidade.
  25. Incorporación de criterios medioambientais, éticos e sociais aos contratos de obras, contratos e compras realizadas polo Concello.
  26. Cumprimento do prazo legal de 30 días, e a ser posible redución, de pago a provedores.
  27. Impulsar a formación dos responsábeis de contratación, intervención e asesoramento xurídico na aplicación de criterios de Compra Pública Responsable.
  28. Priorización da banca ética e cancelación de saldos en institucións bancarias que realicen desafiuzamentos.
  29. Auditoría do software e implantación progresiva de software libre.

Cultura, memoria e identidades

  1. Creación dun Observatorio/Laboratorio, un centro de investigación e produción que facilite proxectos culturais na cidade.
  2. Elaboración do Plan Municipal de Bibliotecas, incluíndo o deseño dun Plan Municipal de Lectura, coa finalidade de reavivar a calidade do servizo.
  3. Conexión de modo activo das infraestruturas culturais cos barrios en que se atopan.
  4. Activación dun plan de residencias artísticas.En paralelo, estímulo e respaldo para a presenza de artistas locais na programación cultural.
  5. Promoción da xestión cultural sostible.
  6. Potenciación de proxectos comunitarios e formativos coa Orquestra Sinfónica de Galicia.
  7. Ampliar e propagar a programación de Viñetas desde o Atlántico.
  8. Creación dunha Universidade Popular.
  9. Rexeneración e potenciación da relación da Universidade da Coruña (UDC) coa cidade.
  10. Cubrir a demanda de prazas en escolas infantís municipais.
  11. Celebración en 2016 do Ano das Irmandades da Fala (centenario), destacando a súa condición visionaria na perspectiva de xénero.
  12. Activación do proxecto “Caixa da memoria”, posta en valor do legado persoal e colectivo na construción dunha cidade de progreso social.
  13. Fomento da lingua galega tanto nos usos da propia administración como nos usos sociais dando cumprimento á normativa e ao plan de normalización lingüística.
  14. Eliminación de toda simboloxía franquista aínda presente no rueiro da cidade.
  15. Activación dun plan de colaboración entre os mc2 e o tecido investigador local (UDC, INIBIC, Centro Oceanográfico).
  16. Creación dun foro de comunicación permanente, virtual e presencial, coa mocidade da cidade e a mocidade emigrada vinculada á ciencia e á innovación.
  17. Fomento do deporte de base e creación de equipamentos na rúa, con énfase na promoción do deporte feminino.
  18. Garantir o acceso ao uso das institucións culturais e deportivas ás persoas con diversidade funcional.
  19. Activación dunha xestión nas políticas do corpo que garanta a investigación, educación, práctica e prevención do corpo entendido de xeito integral.

Os comentarios están pechados.