Saltar ao contido

Na letra pequena do expediente atopamos os datos de liquidación do orzamento de 2022: só se executou o 72%, o peor dato da década, e quedaron case 100 millóns sen gastar 

Xunto aos convenios agóchase recoñecemento de facturas irregulares por valor de 1,7 millóns de euros

O executivo de Inés Rey convocou hoxe, de urxencia e sen o mínimo tempo para estudar a documentación —o que supón unha falta de respecto ao resto dos grupos—, unha Xunta de Goberno Local que contiña unha boa nova, a renovación dos convenios coas entidades sociais. Unha boa nova que quedou empañada por unha tramitación apresurada e sen diálogo, os peores datos de execución orzamentaria desta década , unha advertencia do interventor e a legalización de facturas irregulares. 

Para o vicevoceiro da Marea Atlántica, Iago Martínez, e representante na Comisión de Facenda, “chegamos, a mediados de abril, sen rastro do proxecto do goberno para os orzamentos deste ano, e aparece de urxencia e sen diálogo un trámite que lle levamos reclamando desde decembro para renovar os convenios e darlles garantías ás entidades sociais da Coruña. Este goberno non dá para máis, está pedindo a berros que o árbitro pite o final do mandato”. 

En todo caso, aínda que os convenios se aproben o xoves, só será a aprobación inicial. Aínda queda un longo camiño para que entren realmente en vigor, polo que o que veremos no próximo Pleno  será pouco máis ca un anuncio electoral da alcaldesa. E mentres, as entidades terán que adiantar os cartos e confiar en que a sinatura dos convenios sexa antes de final de ano. 

O convenio para o senfogarismo redúcese á metade

Así, os convenios chegan sen negociación, no medio dun modificativo de 10,8 millóns de euros que tampouco se negociaron con ninguén, e con recortes inxustificados e subas caprichosas. A falta de poder analizar a documentación polo miúdo, é difícil de xustificar que se reduza case á metade o convenio dedicado ao programa Housing First para axudar ás persoas sen fogar (baixa de 174.000  a 107.200 euros).


Ademais, este modificativo agocha o recoñecemento extraxudicial de facturas irregulares por valor de 1,7 millóns de euros. E finánciase cun préstamo bancario, o que terá que ser supervisado pola Xunta pola advertencia do interventor—por cubrir cun recurso financeiro o que é gasto non financeiro—. En resumo, unha tramitación apresurada e problemática. 

Finalmente, na letra pequena do expediente atópase a liquidación do orzamento de 2022, que se presenta fora de prazo. E que resulta ter a peor execución da década. Remátase o ano cun 72,6% de execución global —a media dos catro anos de Xulio Ferreiro foi do 80%— e un 24,6% no capítulo de investimentos, cando o goberno da Marea Atlántica chegou ao 47,7% en 2018, no seu último ano completo do mandato. Ao remate do ano quedaron 99,6 millóns sen executar. “Quen viña a dar leccións de boa xestión parece que aínda ten bastante que aprender”, conclúe Iago Martínez.

Tras meses procrastinando, Inés Rey leva os convenios a pleno sen diálogo e con recortes inxustificados