Saltar ao contido

O Comité de Empresa da firma LTM, que xestiona a parte privatizada da rede de bibliotecas municipais, denuncia unha situación de precariedade e incerteza permanente desde hai seis meses

María García: “Só a Marea Atlántica tentou rematar coa desigualdade remunicipalizando todas as bibliotecas, fronte á oposición de PP e PSOE e a abstención do BNG”


A voceira e o vicevoceiro da Marea Atlántica, María García e Iago Martínez, mantiveron hoxe unha xuntanza co Comité de Empresa de LTM, a compañía que xestiona unha parte da rede das bibliotecas municipais da Coruña. Trasladáronlles a súa preocupación pola situación de incerteza e precariedade permanente na que se atopan logo da renovación do contrato por parte do goberno local, hai seis meses.

“A situación afecta a 75 traballadoras de 6 bibliotecas, que agora mesmo non saben se van cobrar a nómina nin a paga extra de xullo. Non é a primeira vez que lles acontece e non hai garantías de que vaia ser tampouco a última. Fronte a isto, dámoslles todo o noso apoio e reclamámoslle ao goberno que actúe”, resumiu María García. 

Lembremos que a rede de bibliotecas municipais está semiprivatizada, cun sistema dual, desigual e ineficiente. Algunhas teñen xestión pública mentres que outras, as que se ven afectadas polos problemas laborais agora mesmo, están en mans dunha empresa privada, con peores condicións para o seu cadro de persoal.

Promesas incumpridas desde o inicio do mandato

Como sinala a nosa voceira, “só o goberno da Marea Atlántica tentou facer fronte a esta inxustiza durante o pasado mandato, tentando remunicipalizar e unificar a rede, e non foi posible. Contamos coa oposición do PP e o PSOE e a abstención do BNG, todo por poñerlle paus nas rodas a Xulio Ferreiro”. 

Durante a campaña electoral, e nos seus acordos de investidura, o PSOE prometeu poñer orde o servizo de bibliotecas e unificar a xestión da rede neste mandato. Queda un ano e non se fixo nin unha cousa nin á outra. “Só vemos que as traballadoras están a padecer as consecuencias dunha licitación deste goberno, un contrato que leva seis meses en vigor acumulando problemas, e ao que se non mudan as cousas, aínda lle queda ano e medio por diante”, asegura García. 

Nestes momentos, non temos constancia de que o goberno local estea a facer ningunha xestión para resolver os problemas inmediatos do persoal das bibliotecas, nin para darlles un horizonte de mellora a medio pazo. Esiximos que o executivo se poña do lado das traballadoras, que dea explicacións e sobre todo, solucións. E que se poña a traballar nunha alternativa a este contrato. Como di María García, “para unificar a remunicipalizar toda a rede, a nosa man está tendida”. 

Reclamámoslle ao goberno local que solucione os problemas das traballadoras das bibliotecas: non saben se van cobrar a nómina de xullo