Centos de propostas resultaron desbotadas sen criterios claros, causando un forte desequilibrio entre os distritos da cidade e alterando a natureza dos Orzamentos Participativos
Tamén lle pedirémoslle á alcaldesa que explique a que usos pensa destinar a Casa Escariz cando o Concello recupere a propiedade deste inmoble
A Marea Atlántica preguntaralle ao goberno local por que centos de propostas veciñais para os Orzamentos Participativos na súa última edición. Os motivos do rexeitamento non estiveron claros, non se lles trasladaron ás persoas propoñentes e semellan terse realizado de xeito arbitrario e sen a debida atención. Temos que expresar o noso malestar pola forma na que se obstaculizou un dereito cidadán no ano no que foi recuperado e bateu marcas de participación.
Como xa temos denunciado, primeiro fixouse un límite de 90 apoios para que unha proposta puidese pasar á fase final, que non fora comunicado previamente e que case duplica os 50 que eran precisos en edicións anteriores. Posteriormente, outras ideas foron descartadas con argumentos febles e sen analizar nada máis que o título. Algúns distritos quedaron practicamente sen propostas, o que derivou nun desigual reparto dos fondos no resultado final. Desvirtouse a natureza dos Orzamentos Participativos, dificultando que a cidadanía poida decidir o destino dunha parte do investimento do Concello, e por iso pediremos explicacións.
Doutra banda, interesarémonos polos plans do equipo de Inés Rey para recuperar a Casa Escariz, doada ao Concello como parte do legado do empresario Manuel Piñeiro Pose, pero retida irregularmente por unha Fundación privada. Lembramos que o traballo previo para a reclamación legal deste inmoble se desenvolveu durante o goberno da Marea Atlántica, e o procedemento se iniciou en maio de 2019. Preguntarémoslle á alcaldesa a que usos pensa dedicar estas vivendas cando o Concello recupere a súa lexítima propiedade.
Políticas para a mocidade: Para cando?
Finalmente, preguntarémoslle ao goberno local “cando ten previsto impulsar políticas públicas para a mocidade”, ante a evidente falta de proxectos e iniciativas neste eido, xusto cando máis necesarias serían para darlle á xente nova alternativas de ocio, formación, cultura e emprego nun momento de crise. Segue a haber proxectos pendentes de se poñer en marcha, coma o espazo para a mocidade na biblioteca da Sagrada Familia.