Cómpre celebrar a notable asistencia de público aos concertos e ás festas pero é lamentable que se producise tal colapso do transporte público e das principais vías de acceso á cidade
A Marea Atlántica preguntará no Pleno de setembro se dende o goberno local se deseñou algún dispositivo especial de mobilidade que reforzase o transporte público ou ordenase os accesos á cidade, para que non se producisen colapsos como ocorreu onte polo concerto de Luis Fonsi.
“Foron moitas as persoas que tiveron dificultades para chegar á Praza de María Pita, os autobuses ían desbordados e saltábanse paradas, os parking estaban repletos e xerouse unha situación caótica que podería terse evitado ante a previsible afluencia”, sinala a voceira da Marea Atlántica, María García.
Estas foron as primeiras festas logo de dous anos de restricións, a cidade está no momento do ano no que recibe máis turistas e a área metropolitana está conformada por preto de 500.000 habitantes; circunstancias todas elas que obrigaban a unha especial previsión e diseñar dispositivos especiais, non só para evitar problemas, senón para promover o mínimo uso posible do vehículo privado en favor do transporte público.