Saltar ao contido

Varias librarías atopáronse por sorpresa, na tarde do 23 de decembro e con pedidos e encargos feitos, con que non podían seguir aplicando os descontos en plena campaña de Nadal

A Marea Atlántica insta ao goberno municipal da darlle unha solución urxente aos prexuízos causados nas librarías de barrio pola súa mala xestión do Bono Cultura. Segundo denuncian varios establecementos, na tarde do  23 de decembro a aplicación móbil do Presco, que se usa para xestionar os descontos vinculados ao plan municipal de axudas contra a pandemia, deixou de funcionar sen previo aviso.

Estas librarías non chegaran aínda ao máximo importe que podían recibir en axudas (ata 15.000 euros por establecemento) pero como se esgotaron os fondos totais previstos para o Bono Cultura (355.000 euros), a empresa encargada de xestionalo, Tex45 Producións, cancelou o servizo dando menos dunha hora de aviso. E fíxoo cos locais cheos polas compras de Nadal e multitude de produtos encargados contando co desconto.

 

Correos enviados ás librarías na tarde do 23 de decembro

 

Así, as librarías recibiron un correo ás 17.20 horas do 23 de decembro, avisando que os fondos do Bono Cultura estaban “a punto de agotarse”. E unha hora despois, ás 18.30, chegou unha segunda mensaxe que indicaba que a “aplicación deixara de funcionar”, sen máis solución.

Tendo en conta que gran parte do orzamento municipal está sen executar e o Concello ten máis de 100 millóns de euros en caixa, é unha vergonza abandonar deste xeito ás librarías de barrio en plena crise.

O plan de choque municipal contra a pandemia, o chamado Presco, foi aprobado a finais de maio, co apoio xeneroso de toda a oposición, como resposta a un momento crítico. Porén, o goberno de Inés Rey demostra cada día a súa incapacidade para xestionalo. Lembremos que, seis meses despois, segue a haber centos de axudas directas a pemes, micropemes e autónomos sen resolver nin abonar.

O goberno ten que solucionar os problemas que lle causou ás librarías de barrio coa mala xestión do Bono Cultura