Saltar ao contido

“É inadmisible que pasemos de 1.600 axudas concedidas a 1.200, os gobernos están para resolver problemas, non para crealos”, asegura Silvia Cameán

Tamén convocaremos a Comisión de Transparencia para atallar os problemas que a oposición está a ter no acceso á información relacionada co labor de goberno

 

A concelleira Silvia Cameán, presidenta da Comisión de Benestar Social, demanda unha solución para os centos de bolsas comedor denegadas no presente curso por problemas coa documentación presentada: “É inadmisible que pasemos de 1.600 axudas concedidas en 2018 a 1.200 este ano, triplicando as solicitudes denegadas. Os gobernos están para resolver problemas, non para crealos”.

Polo tanto, instamos ao goberno municipal a reunirse urxentemente con Intervención para poñer en marcha un remedio, especialmente no caso das familias en situación de vulnerabilidade social, para o que poden contar con toda a colaboración da Marea Atlántica. Ademais, é preciso informar ás familias afectadas e á Federación de ANPAS sobre as vías para resolver a situación.

Os límites burocráticos non poden ser límites aos dereitos

Cameán afirmou que “se están a tramitar as bolsas comedor coma subvencións en lugar de como as axudas sociais que son, e como tal figuran no Orzamento” e lembra que o ano pasado, coa mesma lexislación fomos que de resolver os problemas. “Os limites burocráticos non poden ser limites aos dereitos, se non, o é que hai polo menos 400 nenas e nenos que poden quedar sen esta axuda que precisan para garantir unha correcta alimentación”, engade a Concelleira.

En 2015, o último ano no que o PP foi responsable da convocatoria das bolsas comedor, concedéronse 955 axudas. En 2018, o goberno da Marea Atlántica elevou esta cifra a 1.641, case o dobre, logo dun aumento progresivo (998 en 2016 e 1.560 en 2017). Segundo trasladan os medios de comunicación, o 43% das denegacións débense a problemas na presentación de documentación, unha porcentaxe altísima en comparación con anos anteriores.

Por iso non pode consentirse esta brusca caída nunha prestación social coa que moitas familia precisan, xa que a súa situación non mellorou de súpeto dun ano para outro. “Se un goberno ten a protección da infancia como prioridade non pode fallar deste xeito”, asegura Silvia Cameán.

Comisión de Transparencia

Por outra banda, o concelleiro Iago Martínez, presidente da Comisión de Transparencia, anunciou que a convocará á maior brevidade posible ante as queixas do grupo municipal de Ciudadanos polas trabas que está a padecer para acceder a expedientes, e ante o propio malestar do noso grupo municipal, que recibiu respostas vagas e incompletas ás preguntas de resposta escrita presentadas no Pleno ordinario do mes de setembro. “En ambos casos, estanse a incumprir os dereitos que o Regulamento Orgánico Municipal lle confire á oposición, un mal síntoma que convén atallar decontado”, declarou Martínez.

Nos vindeiros días, o presidente da comisión contactará con todos os grupos municipais para acadar o maior consenso posible sobre os mínimos que cómpre esixirlle ao goberno municipal en materia de transparencia e rendición de contas.

 

 

Demandamos unha solución para os centos de denegacións na convocatoria das bolsas comedor