A Marea e o goberno municipal mantiveron a primeira xuntanza, cordial e produtiva, sobre a modificación do Orzamento para frear o impacto da pandemia
A Marea Atlántica e o goberno municipal mantiveron hoxe a primeira xuntanza para elaborar un modificativo do Orzamento de 2020, para recortar gasto superfluo e aumentar os fondos cos que facerlle fronte á pandemia do COVID-19 e as súas consecuencias.
O encontro desenvolveuse con cordialidade e ánimo construtivo, centrado en priorizar as políticas de rescate social e de apoio aos sectores económicos máis afectados polo confinamento.
Pedímoslle ao goberno que revise as áreas nas que propón recortar fondos. Preferimos que reduzan o gasto en propaganda e asistencias técnicas no canto de facelo no investimento, nos proxectos elixidos pola cidadanía nos Orzamentos Participativos, nas políticas de mobilidade sostible ou nos recursos para a cultura.
Tamén fixemos unha primeira aproximación a algunhas das propostas que a Marea Atlántica foi presentando xa nas semanas previas na Xunta de Portavoces:
- Reforzo da Renda Social Municipal, as axudas de emerxencia e outros programas sociais, con especial atención ao dereito á vivenda.
- Reforzo de persoal, tanto en Servizos Sociais como noutras áreas que van estar implicadas na saída á crise do coronavirus.
- Xanela Única, unha oficina informativa e de tramitación, para facilitar que a cidadanía acceda ás axudas relacionadas coa pandemia.
- Plan de Emprego de Choque e medidas de inserción laboral directa, así como axudas a autónomos, pemes e micropemes.
- Bonos Locais ou outro mecanismo similar para o comercio de proximidade ou o noso tecido cultural, para garantir que o gasto público beneficia á Coruña.
Desde a Marea Atlántica reiteramos a nosa total disposición a chegar a un acordo para reforzar o apoio do Concello á xente da Coruña, o máis amplo posible. Pero sempre en termos progresistas, sen que os votos do PP, o partido responsable dos recortes e a precarización da sanidade pública, poidan condicionar o resultado.